Os concellos que integran o xeodestino son: Catoira, Pontecesures, Valga e Vilanova de Arousa.

Xa o nome deste xeodestino remítenos ao Camiño de Santiago. Por un lado a Ruta do Mar de Arousa-Río Ulla, cos municipios de Vilanova de Arousa e de Catoira, e polo outro o Camiño Portugués cos de Pontecesures e Valga. O río Ulla vertebra este xeodestino cun enclave en plena ría de Arousa, máis alá da desembocadura.

Patrimonio

A importancia estratéxica vese nas Torres de Oeste en Catoira, o antigo Castellum Honesti. Foron levantadas no século XII polo arcebispo Xelmírez para protexer Compostela dos ataques normandos que entraban pola ría de Arousa.

Están representados os pazos por dous senlleiros en Vilanova de Arousa: o Pazo do Cuadrante que actualmente é a Casa Museo Valle-Inclán e o Pazo de Baión, arrodeado de viñedos. Case no centro da poboación están as Torres de Calogo, unha espadana románica dun antigo mosteiro.

Dúas importantes pontes unen as provincias da Coruña e Pontevedra: o de Pontecesures e o de Catoira que nos achega á península do Barbanza. Tamén en Catoira a Ponte Vella, de orixe medieval.

Outro museo en Vilanova de Arousa é a Casa Museo Irmáns Camba, unha típica construción de pedra cunha exposición dos dous irmáns escritores.

Espazos naturais

No fondo da ría, a desembocadura do Ulla pertence ao sistema fluvial Ulla-Deza, que inclúe os concellos de Catoira, Pontecesures e Valga deste xeodestino.
En Valga podemos visitar as Fervenzas de Raxoi e Parafita cun muíño restaurado e unha pasarela de madeira para percorrer o bosque de ribeira.

E desde o miradoiro da Cruz de Lobeira en Vilanova de Arousa podemos desfrutar de vistas da ría e da península do Barbanza.

Festas e gastronomía

Este xeodestino conta no seu haber cunha Festa de Interese Turístico Internacional, a Romaría Viquinga de Catoira, que recorda as andanzas dos temidos homes do Norte en tempos medievais ata que os freou o arcebispo Xelmírez, o home que colocou a Santiago de Compostela no mapa da cristiandade.

Hai outras festas de interese turístico como o Belén artesanal en movemento e a Festa da Anguía e mostra da caña do país, ambas en Valga. A gastronomía tamén está presente na Festa do mexillón e do berberecho en Vilanova de Arousa.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!