O xeodestino confórmano os concellos da Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Este xeodestino é atravesado de norte a sur polo río Tea, que transcorre polos municipios de Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño onde desemboca no río Miño. E dá nome á subzona Condado do Tea da D.O. Rías Baixas. A outra referencia gastronómica é a lamprea do Miño, co seu centro en Arbo.
Pasa polo municipio de Salceda de Caselas a Ruta da Camelia cos espectaculares xardíns do Pazo de Pegullal.

Patrimonio

Pódense visitar dous castelos cargados de historia: o de Sobroso en Vilasobroso (Mondariz) e o de Salvaterra de Miño.
Ten esta zona unha gran tradición balnearia en Mondariz-Balneario co seu conxunto urbano complexo balneario, vila termal por excelencia, cun espléndido balneario e campo de golf.

A cultura castrexa está representada polo castro de Troña, declarado BIC coa categoría de monumento en 2009, moitos dos achados arqueolóxicos deste castro pódense ver no Museo Municipal de Ponteareas.

En Arbo podemos interesarnos pola lamprea no Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”. O viño tamén é o protagonista no Museo da Ciencia do Viño en Salvaterra de Miño. En Covelo, á parte da Casa Museo Etnográfico Pazo da Cruz podemos ver un interesante parque etnográfico na parroquia de Maceira: o Serradoiro hidráulico “Os Carranos”.

 

Espazos naturais

O río Miño que une Galicia con Portugal foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria, cos municipios da Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra de Miño. Tamén hai espazo para a montaña do Concello de Covelo coa Serra do Suído. Catro sendas homologadas pódennos mostrar o interese etnográfico e paisaxístico deste xeodestino: en Covelo o PR-G 95 Sendeiro dos Carranos, en Crecente o PR-G 174 Ruta de Coto da Cruz, na Cañiza o PR-G 165 Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva e entre Covelo e Mondariz o PR-G 119 Ruta do Xabriña.

Festas e gastronomía

Festas tanto relixiosas como gastronómicas. Hai que destacar o Corpus Christi de Ponteareas, que desde 2009 ten a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Na Cañiza celébranse as Romarías da Virxe da Franqueira e nas Neves a Romaría de Santa Marta de Ribarteme.

E imos coas gastronómicas que son varias e variadas. En Arbo, capital da lamprea hónraselle dúas veces: coa Festa da Lamprea a finais de abril e declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2023 e xa en agosto a Festa da Lamprea Seca. O viño da zona móstrase na Festa do Viño do Condado do Tea en Salvaterra de Miño. Pero estas terras son tamén coñecidas por outros produtos como o xamón da Cañiza coa súa Feira do Xamón e o requeixo das Neves coa súa Festa do Requeixo e do Mel.

Arriba
Axúdanos a mellorar!