A D.O. Monterrei atópase situada ao suleste da provincia de Ourense, lindando coa fronteira de Portugal. Esta zona basea o seu atractivo turístico principalmente na riqueza do seu patrimonio arquitectónico e na beleza da súa paisaxe.

Ruta do Viño Monterrei
Rúa Castelao, nº 10, baixo
32600 Verín Ourense
M: 988 590 007
www.rutadelvinomonterrei.com
info@domonterrei.com

Un dos seus monumentos máis emblemáticos e coñecidos -distintivo da D.O.- é o Castelo dos Condes de Monterrei, do século XII, hoxe monumento nacional. Neste castelo instalouse a primeira imprenta de Galicia e no seu patio de armas atópase o denominado pozo verde, rodeado de lendas de infidelidades e suicidios como o da esposa de D. Pedro O Cruel.

A Ruta da Prata cruza esta D.O.; seguindo este Camiño de Santiago atopamos a vila de Verín, célebre polo seu Entroido, cita obrigada dentro do panorama cultural e turístico de Galicia. Trátase dun costume ancestral que sorprende ao visitante, quen pronto pasará de ser un espectador a participar de cheo neste gran evento popular.

En Verín poderemos visitar o tradicional barrio de San Lázaro, a Casa do Asistente, co seu singular escudo, e paseando polas rúas do casco antigo gozaremos doutros monumentos e de edificios de estilo modernista... Igualmente poderemos achegarnos aos antigos balnearios diseminados polo territorio, hoxe dedicados á produción de auga mineiro-medicinal de recoñecido renome.

Produción, historia, variedades

A zona de produción está constituída polos concellos de Monterrei, Oímbra, Verín, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós, establecéndose dúas subzonas: o Val e a Ladeira de Monterrei. Esta diferenciación é resultado dunha gran variedade de chans e orientacións que, unido aos microclimas xerados nas ladeiras, producen uns viños con características moi diferenciadas, persoais e con gran complexidade aromática.

Seguindo o devir histórico, podemos afirmar que os romanos introduciron en Monterrei o cultivo da vide, que, posteriormente e de man das ordes relixiosas, expandiuse pola comarca. O viño era utilizado como tributo para pagar aos mosteiros e señores feudais. Tras diversos avatares que se traduciron na perda de importancia da viticultura, hoxe en día a aposta polos viños de calidade, entre outros aspectos, está levando ao rexurdir da comarca.

Entre as variedades de uvas brancas atopamos as autóctonas Dona Branca, Godello, á que denominan tamén Verdello, e a Treixadura. En tintas destacan Mencía, Merenzao e outras aclimatadas á zona como a Araúxa (Tempranillo). Os tipos de viños que se elaboran fundamentalmente son os brancos, que son frescos, moi agradables e afrutados, cun excelente equilibrio entre alcol e acidez, ben estruturados e golosos. Entre os tintos destacan os xóvenes coa súa gran viveza aromática, frutais, con corpo e moi expresivos aos que, aos poucos, súmanse elaboracións máis exclusivas con gran complexidade e lonxevidade.

Arriba
Axúdanos a mellorar!