Gozaremos da monumentalidade do casco histórico compostelán e no seu Mercado de Abastos cociñaremos con axuda dun chef.

Propoñémosvos unha escapada a Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade e capital de Galicia. Gozaremos do mundano pracer da súa exquisita gastronomía e dos seus recoñecidos viños. E espertaremos as nosas emocións ao contemplar a beleza da súa catedral, onde aproveitaremos para abrazar ao Apóstolo.

Máis información...
- Catedral. www.catedraldesantiago.es
- Mercado de Abastos. www.mercadodeabastosdesantiago.com
- Centro Galego de Arte Contemporánea. www.cgac.org
- Museo do Pobo Galego. www.museodopobo.es

Día 1º

A Praza do Obradoiro e a catedral, as xoias da cidade

Recomendámosvos chegar a Santiago a primeira hora da tarde. No casco histórico atoparedes pensións e hoteis con encanto en edificios envoltos de tradición e historia, en singular combinación con rehabilitacións innovadoras.

Despois de instalarvos deixádevos perder pola alfombra empedrada das súas rúas. A catedral e a Praza do Obradoiro son visita obrigada. Se nos situamos no centro desta praza e xiramos sobre nós mesmos obteremos unha síntese visual de todo o que é Santiago: espiritualidade na catedral; coñecemento no Pazo de San Xerome (sede do reitorado da universidade compostelá); autoridade no Pazo de Raxoi (sede do Concello); e acollida no Hostal dos Reis Católicos (antigo hospital de peregrinos e hoxe Parador). Estilos diferentes unidos polo granito das súas construcións.

Suxerímosvos percorrer con detemento o interior da catedral. O Pórtico da Gloria, obra cumio da arte románica, é sobrecolledor. Non deixedes de abrazar ao Santo e visitar as súas reliquias. O itinerario iníciase subindo ao camarín do Apóstolo, no alto do altar maior, onde se abraza a súa efixie. Logo báixase á cripta, que custodia as reliquias gardadas nunha urna de prata labrada. As demais fachadas da catedral, acompañadas das súas prazas, merecen tamén un percorrido pausado.

De viños e tapas polo casco histórico, antes ou despois dun paseo pola Alameda

Ao rematar tomade a Rúa do Franco, chamada así por ser o lugar onde antano se hospedaban os peregrinos franceses. Captarán a vosa atención os expositores refrixerados con carnes frescas e acuarios cos peixes e mariscos en vivo, ás portas dos seus restaurantes. Aquí exhíbese o mellor da gastronomía de Galicia, polo que podemos ir collendo ideas para a cea.

Ao final da rúa atravesamos Porta Faxeira -lugar onde se alzaba unha das sete portas que se abrían na muralla medieval-, paso natural que comunica o casco histórico coa Alameda, o gran parque do centro de Santiago. Contén fermosas sorpresas como un eucalipto centenario, preciosos xardíns de camelias e un pequeno bosque de vellos carballos. Dende o Paseo da Ferradura teredes unha visión frontal da catedral, que destaca entre o resto de edificios históricos. É unha imaxe fascinante en calquera momento do día pero, ao declinar a tarde, a luz concédelle unha atmosfera máxica.

Á hora de cear é un costume moi arraigado ir de viños e tapas de local en local polo casco histórico, aínda que a exquisita variedade de restaurantes en Santiago tamén convida a cear de prato. Cando entra a noite estas rúas ofrecen máis posibilidades. Unha é tomar unha copa tranquila ao encontro dos composteláns e gozar dos paseos nocturnos polas súas rúas envoltas nunha iluminación amarela e nostálxica que transmite sensacións románticas.

 

Día 2º

O Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado trala catedral

Despois do almorzo propoñémosvos un pequeno paseo cara ao Mercado de Abastos, o segundo lugar máis visitado de Santiago trala catedral. Para sacarlle o máximo partido podedes apuntarvos a un taller gastronómico, que inclúe a experiencia de comprar aquí os ingredientes e logo cociñalos.

Nos corredores da praza o noso olfacto inundarase cos aromas dos produtos frescos da horta, o marisco e o peixe das lonxas de Ribeira e A Coruña, xunto cos queixos e pans artesáns, viños e licores. Sorprenderanos a variedade, tamaños e cores, o noso oído envolverase de reclamos e invitacións dos comerciantes para ulir, tocar e mesmo catar o seu produto, autóctono e de proximidade. Aínda perdura a figura da paisana, que vende a pé de praza a colleita da súa horta, o mel das súas colmeas, os ovos da súas galiñas ou os polos vivos de curral. As máis coñecidas son as pementeiras de Padrón.

Podemos cociñar nós mesmos os produtos adquiridos no mercado, con axuda dun chef

Máis tarde, aos fogóns, o chef orientaranos pero nós cociñaremos. En función dos ingredientes adquiridos poderemos facer un guiso de polo de aldea, o tradicional polbo á feira, carne ao caldeiro, empanada de zamburiñas, salpicón de marisco ou un arroz mariñeiro con lumbrigante. Segundo o noso gusto ou estilo poderemos elixir ou combinar o tradicional con preparacións máis vangardistas. Para a sobremesa aprenderemos a elaborar a afamada torta de Santiago, unha delicia de améndoas esmiuzadas. Entre cocción e cocción saborearemos unha copa dos recoñecidos viños das denominacións de orixe galegas, mentres intercambiamos trucos e consellos culinarios cos profesionais.

O Parque de Bonaval desemboca nun antigo cemiterio, escenario de múltiples espectáculos ao aire libre

Trala sobremesa suxerímosvos achegarvos ao parque de Bonaval, antiga leira e cemiterio dun convento dominico. Accedemos polo paso entre o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea. O paseo discorre en ascenso por unha ladeira conformada por sendeiros, bancadas e muros de xisto. Acompañaranos o murmurio da auga de fontes, canles e alxibes e unha vexetación harmoniosa de magnolios, froiteiros e carballos. Polo camiño atoparedes unha escultura de Chillida con forma de marco. Probade a situarvos detrás dela e de cara á paisaxe para descubrir unha visión diferente do casco histórico, repleto de tellados e chemineas. Camiñando non vos será difícil chegar a un cemiterio, hoxe desacralizado, cuxo contorno máxico e especial acústica aprovéitase en ocasións para a celebración de espectáculos musicais.

Asistimos a unha cata de viños

Despois recomendámosvos regresar ao taller gastronómico para redondear a experiencia cunha cata de viños dirixida por un enólogo. Sorprenderavos ser capaces de percibir as sutilezas e as diferenzas entre eles grazas á orientación profesional. Con xogos de ensaio visual, olfactivo e gustativo poderemos fixarnos no ton verdoso dun branco xove e no dourado dun de barrica; nunha nota fresca de mazá e noutra que lembra máis a pan; ou a densidade maior ou menor en boca. E aínda que un experto precisa horas e horas de estudo, os nosos sentidos terán gozado das cores, olores e sabores dos viños das denominacións de orixe galegas.

Día 3º

De compras polo casco histórico

Tralo almorzo, un paseo matinal contaxiaranos da vida e dinamismo que os peregrinos, os composteláns, os turistas e os universitarios lle imprimen ás rúas de Santiago.

Mentres camiñamos poderemos explorar o comercio tan activo que existe no casco histórico e que se configura como un centro comercial aberto e monumental. Dende os artigos de marroquinería que se exhiben nos postos da Rúa Nova ata os ourives artesáns do acibeche e da prata situados no contorno da catedral, podemos atopar case de todo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!