Os concellos de Allariz e Vilar de Santos fan parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz, que comparten cos territorios da Bola e Rairiz de Veiga. Por Allariz tamén pasa a “Vía da Prata”, unha das alternativas do Camiño de Santiago, na súa variante de Verín.

O territorio que abrangue este Centro BTT fica delimitado por dous importantes ríos: o Arnoia en Allariz e o Limia ao sur de Vilar de Santos. Son moitas as vilas espalladas por toda a paisaxe que se mesturan con ríos, regatos, pontes e pasos de pedra. Aquí é posíbel achar elementos arqueolóxicos e etnográficos de primeiro nivel e unha extraordinaria riqueza que vai da cultura dos castros á Idade Media

O Centro BTT, con 118 quilómetros sinalizados, ofrece sete rutas divididas en dous grupos. Cada grupo está conectado ao outro por medio dun pequeno enlace de pouco máis de dous quilómetros, o que permite combinacións de itinerarios e posibilita planificar longas xornadas de bicicleta. Percorridos para todos os públicos, mais tamén outros máis longos e de maior desnivel. Esixencia que non é extrema e que mesmo permite realizar máis dunha ruta o mesmo día.

Unha oportunidade para descubrirmos a marabillosamente restaurada vila de Allariz, os seus restaurantes, hoteis con encanto e unha ampla variedade de tendas outlet.  Sen esquecer o seu parque etnográfico e numerosos museos. Tampouco o Festival Internacional de Xardíns, que se celebra todos os anos. Tamén aconsellamos dar un paseo a carón do río Arnoia, ata a ponte medieval.

Vilar de Santos destaca pola súa paisaxe, moi diferente á do resto de Galicia: amplos campos de cultivo nunha zona chaira, parcialmente inundable e bordeada por montañas.  O seu pasado estivo marcado pola case desaparecida Lagoa de Antela.

Arriba
Axúdanos a mellorar!