Un novo Centro BTT Galicia en plena fronteira con Portugal e Castela e León.

O Centro BTT Portas de Galicia encóntrase en plena fronteira entre Galicia, Portugal e Castela e León, no xeodestino de Verín-Viana. Doce percorridos, que suman un total de 244 km, permiten coñecer os municipios da Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Rutas de diferentes niveis de dificultade conectan todo o territorio de sur a norte, existindo a posibilidade de poder realizar unha gran ruta por etapas desde Riós ata Viana do Bolo. Tamén existen outras de trazado circular máis sinxelas e ideais para realizar en familia como son a Ruta Encoro do Vao en Vilariño de Conso e Ruta As Telleiras en Viana do Bolo.

Explora o contorno de Portas de Galicia en BTT atravesando a súas montañas redondeadas e profundos vales para descubrir os encoros das Portas e O Vao, coñece a riqueza histórica e etnográfica de vilas como Viana do Bolo, saborea unha gastronomía na que a castaña é o produto de excelencia, degusta o viño da Denominación de Orixe Monterrei e transita por algúns dos tramos do Camiño de Santiago do Sueste (Vía da Prata).

AVISO: O inverno adoita vir acompañado de neve, polo que se aconsella consultar o estado das rutas chamando aos puntos de acollida.

Arriba
Axúdanos a mellorar!