IGREXA DE SANTIAGO DE PARADA DE AMOEIRO

Relixioso
654
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Parada de Amoeiro (Santiago)

32170  Amoeiro - Ourense

Coordenadas:
42º 24' 05.1" N - 7º 57' 40.0" W

Descrición

Esta igrexa próxima á capitalidade do concello foi construída na segunda metade do S. XVIII sobre unha posible construción anterior de estilo románico, experimentando novas modificacións no S. XX. Contratouse a obra o 12 de decembro de 1754, iniciándose o 4 de marzo de 1755 e póndoselle fin a partir de 1758. No S.XX acometéronse cuestionables reformas, non só no edificio, senón no propio mobiliario litúrxico. A máis destacable pode ser a substitución da cuberta por unha bóveda de ladrillo convenientemente revestida con cemento e pintada imitando á pedra. A nave principal, de menor altura co presbiterio, presenta unha cuberta exterior a dúas augas asentada sobre unha cornixa decorada con moldura de cuarto bocel e dous pináculos piramidais con bólas nos seus extremos, situados un sobre a liña do contraforte do muro exterior, e outro, no punto de unión da nave principal coa capela dos Miranda.A nave do presbiterio ou Capela Maior, de maior altura cas outras dúas, ten planta de forma cadrada e está cuberta por un tellado a catro augas, coroado no cumio e nos seus extremos por pináculos piramidais rematados en bóla. Nas esquinas catro contrafortes soportan as forzas de empuxe que xera a bóveda de cruzaría do seu interior. o terceiro dos corpos correspóndese coa capela dos Miranda. Esta capela presenta ao exterior dous contrafortes nas súas esquinas, as cales soportan os empuxes da bóveda de cruzaría do S. XVI que cubre o seu interior. É polo tanto o elemento máis antigo da igrexa e en torno ao cal se realizou o resto da edificación. A cuberta exterior é a tres augas e únese coa da nave principal, asentándose sobre unha cornixa de pedra con moldura de cuarto bocel. No muro meridional unha porta abucinada con lintel dá acceso ao seu interior, sobre a cal podemos apreciar os escudos da familia Miranda, que tan próximo ten o seu pazo.

Acceso

Desde o Concello, tómase á dereita pola estrada que leva a Parada de Amoeiro OU-0524 (3km). No medio do lugar de Outeiro, á man dereita encóntrase a igrexa, sendo posible estacionar á beira dereita da estrada.

Camiños de Santiago

Vía da Prata

Estilos

Románico
Rexionalista
Neoclásico
Barroco
Arriba
Axúdanos a mellorar!