COSTA ÁRTABRA

Espazos naturais
4613
No Camiño de Santiago

Localización

A Coruña

Cariño | Cedeira | Ferrol | Narón | Ortigueira | Valdoviño

Coordenadas:
43º 40' 56.7" N - 8º 04' 20.6" W

Descrición

Camiño dos sete faros
O Magnus Portus Artabrorum é o nome con que os romanos denominaron un lugar do ángulo noroeste da costa de Galicia, entre as rías de Ares e a de Ortigueira, cuxo emprazamento exacto descoñecemos. Cen quilómetros de liña costeira coas combinacións paisaxísticas de mar e terra máis espectaculares do arco atlántico: tres rías, areais xenerosos en ondas e dunas, lagoas litorais e os cantís máis altos de Europa. Este é un lugar declarado de alto interese xeolóxico, e o seu renome internacional xustificaríase por si só na variedade de rochas na que se alicerzan estas auténticas serras como a da Capelada debruzadas sobre o océano. Na súa aba sitúase un dos lugares de peregrinación máis ancestrais, Santo André de Teixido, onde o dito popular claramente afirma que vai de morto o que non foi de vivo. En verdade é unha das mecas da Galicia máxica cos seus ex votos de miga de pan e a súa capela dos ofrecidos.

Neste treito cóntanse ademais numerosos e humildes faros. Os camiños por terra que ata eles conducen contaxian a emoción escénica dese fronte a fronte coa inmensidade. Na ría de Ferrol, o do cabo Prioriño e, un pouco máis ao norte, o seu irmán do cabo Prior son dúas desas pequenas luces solitarias. Entre elas sitúase a praia de Doniños que posúe a primeira das lagoas litorais características desta zona. Supera en profundidade ás dos outros areais de San Xurxo ou Pantín, tamén con espazos lacustres de auga doce. Con todo, a meirande é a lagoa da Frouxeira, a única de augas salobres, situada na praia de Valdoviño. Trátase dunha zona húmida protexida e importante acubillo de aves.

Acceso

As Lagoas de Doniños e Valdoviño, están próximas a Ferrol. Á Serra da Capelada desde Cedeira ou Cariño por estradas locais. A Cabo Ortegal, desde Cariño.

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

Situación

Costa setentrional da Coruña. Concellos de Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Mugardos e Ares.

Superficie

7.658,53 ha, das cales 548 ha son augas mariñas.

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Sen pérdida

Desde Cedeira, as posibilidades de acceso aos treitos máis espectaculares desta costa son varias. Algunhas curtas como a que parte cara ao faro da punta Candieira, con pronunciadas curvas finais que poden asustar aos propensos de vertixe. Outra un pouco máis intensa en dirección a Santo André de Teixido é a estrada local que sobe ata o cruceiro do Chan dos Cadrís co seu espectacular miradoiro antes de principiar o descenso ata o lugar de peregrinación rodeado de tipismo.
Entre este santuario de Santo André de Teixido e Cariño atravesa a Serra da Capelada unha das estradas máis aventureiras de Galicia. Con doses de precaución achará cabalos e vacas que aquí se pastorean en liberdade entre aeroxeradores a alturas que oscilan entre os 500 e 600 metros literalmente sobre o nivel do mar. Os cantís na Vixía de Herbeira (613 m) ostentan o récord de ser os máis altos do vello continente.
Con todo a visita ficaría incompleta sen a rematar no faro do Cabo Ortegal, accesible desde a localidade de Cariño, contemplando Os Aguillóns, afiadas rochas emerxentes dun mar en perenne furia.

Outras características

Zona ZEPA

Tamén che pode interesar

Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba
Axúdanos a mellorar!