IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DAS AREAS

Relixioso
4160
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Fisterra (Santa María)

Lugar: Fisterra

15155  Fisterra - A Coruña

Coordenadas:
42º 54' 06.9" N - 9º 15' 48.9" W

Descrición

A súa construción iniciouse no século XII, porén, en épocas posteriores, especialmente nos séculos XIV e XVI, engadíronse novos espazos, até rematar o conxunto que hoxe coñecemos, mestura de elementos románicos, góticos e barrocos. Na parte superior, álzanse as torres, de tres corpos e remate piramidal. A entrada principal presenta dous pares de columnas con arquivoltas e un tímpano liso. Desde ela accedemos á capela do Santo Cristo, de planta rectangular e estética barroca. Foi construída entre os séculos XVII e XVIII.
Repararemos no retablo do século XVIII e, especialmente, na imaxe do Santo Cristo da Barba Dourada, talla gótica supostamente realizada por Nicodemus no século XIV e elemento central de varias lendas. Unha delas conta que, tras ser subtraída, os ladróns non tiveron máis remedio que lanzar a imaxe pola borda do barco en que a transportaban, para, desta forma, calmar a tempestade que o seu delito causara. O Cristo foi recuperado despois por un pescador. Outra lenda afirma que á imaxe do Cristo lle medra o cabelo e as uñas. O que sen dúbida é certo, como poderá comprobar calquera visitante, é que, no domingo de Pascua de Resurrección, celébrase no exterior da igrexa a festa e romaría do Santo Cristo. Un dos seus momentos máis destacables ten lugar cando a procesión chega á igrexa e comeza a "Danza das Areas", ancestral baile cuxas orixes foron localizadas polos etnógrafos entre os séculos XVII e XVIII.
Na capela Maior deterémonos para admirar o sagrario (barroco), a imaxe de Nosa Señora das Areas (renacentista), patroa da parroquia, e a xanela do muro (románica). A capela gótica da Purísima, do século XV, está situada baixo unha bóveda de cruzaría. Chegamos a ela atravesando un arco apuntado. A nave central forma parte, xunto coa capela maior, do núcleo orixinario da igrexa. Na súa construción destacan os seus arcos e semicolumnas góticas e a imaxe de Santiago Peregrino. No baptisterio repararemos no arco de entrada e a bóveda de cruzaría, ambos de estilo gótico. Alberga dúas sepulturas de persoas recoñecidas como benfeitoras deste templo. A súa construción está datada entre 1225 e 1250, o que converte a este espazo na capela máis antiga das engadidas á nave central. Antigamente recibía o nome de capela de Santa Lucía. A capela de Nosa Señora do Carme, do século XVI, é de estilo plateresco e mostra claras influencias (a bóveda e o escudo arcebispal) do claustro novo da Catedral de Santiago de Compostela.
Conta cun retablo no que se distingue a insignia da orde carmelita. Santa María ocupa un lugar importante na mística do Camiño de Santiago, ao que pertence e dá continuidade alén de Compostela. Tras visitar a tumba do Apóstolo, os peregrinos continuaban a súa ruta até Fisterra, onde rendían, fronte ao Atlántico, acto de veneración ao Santo Cristo. Para auxiliar aos fieis, a finais do século XVI, fundouse o Hospital de Peregrinos da Nosa Señora do Rosario, xusto en fronte da fachada principal da igrexa. No Ano Santo, utilízase a denominada Porta Santa, de rechamante decoración e na que se recoñecen os escudos dos Feixóo e os Recamán.

Acceso

Dende a capital municipal, tómase a estrada en dirección a Cabo Fisterra. Aos pés do monte San Guillermo está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!