Este percorrido entre as vilas de Betanzos e Ortigueira permitiranos achegarmos á zona norte de Galicia. Quen xa a visitou nalgunha ocasión saberá que conta con moitos e moi variados encantos. Pola súa beleza natural, os seus monumentos e as súas tradicións, deixará unha pegada na mente de quen a escolla para pasar uns días de descanso.

Os nosos pasos discorrerán dentro dos límites da provincia da Coruña, fundamentalmente pegados á costa, pero realizando algunha incursión cara ao interior. A paisaxe característica é unha fusión de mar e montaña. O litoral regalaranos as súas numerosas e fermosas praias, adaptadas a todos os gustos. Hainas doces e recollidas, resgardadas da ondada pola protección das rías, pero tamén existen outras salvaxes e abertas á forza do océano. O relevo das serras da Faladoira e da Capelada fan que nos movamos nun terreo fermoso pero difícil. Incluso á beira do mar acádanse alturas superiores aos 500 m, o que permite a existencia de espectaculares cantís.

Pola súa beleza natural, os seus monumentos e as súas tradicións, deixará unha pegada na mente de quen a escolla para pasar uns días de descanso.

A combinación de choivas frecuentes e terreo montañoso dá como resultado a formación de numerosos cursos fluviais. O máis importante deles é o río Eume. Nace nos cumios da serra do Xistral, a máis de 1.000 m de altitude, e desemboca na ría de Ares. No seu percorrido rega o Parque Natural das Fragas do Eume, un auténtico paraíso de vida natural. Está considerado uns dos bosques atlánticos máis importantes de Europa e acolle gran cantidade de especies animais e vexetais.

No plano cultural, Betanzos é unha pequena xoia dotada de numerosos monumentos. A vila de Pontedeume e os mosteiros de Monfero e Caaveiro, por citar algúns exemplos, completan o repertorio artístico que admiraremos ata chegar a Ortigueira, situada na fermosa ría do mesmo nome.

Entre as numerosas celebracións que teñen lugar nestas terras, destacan dúas que, con permiso de todas as demais, merecen unha mención especial. Por unha banda, a peregrinación ao santuario de Santo André de Teixido. Pola outra, con carácter máis lúdico, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Percorrido

Propoñemos unha ruta de baixa dificultade, coa axuda dun vehículo, realizando curtos percorridos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de tres días. A distribución dos tempos debe tomarse a modo de exemplo, xa que cada un poderá variala segundo as súas preferencias.

Día 1º

Comezamos o noso percorrido en BetanzosCidade dos Cabaleiros”.Non resulta fácil, pola súa cantidade e calidade, sintetizar os atractivos da localidade nunhas poucas palabras. Betanzos ten algo para cada visitante. Para os que buscan acougo e descanso, recunchos de gran beleza natural á beira dos ríos Mendo e Mandeo.

Para os máis dinámicos, unhas festas famosas en toda Galicia. Para os amantes do patrimonio artístico, un amplo e valioso repertorio no que destacan as igrexas de Santa María de Azougue e de San Francisco , ambas merecedoras da declaración de Monumento Nacional. A igrexa gótica de Santa María foi construída no século XIV sobre os vestixios doutra de estilo románico. A igrexa de San Francisco, tamén gótica, era parte do mosteiro do mesmo nome, fundado no século XIII.

Tampouco podemos esquecer o recinto coñecido como O Pasatempo. Trátase dun parque construído polos irmáns García Naveira, verdadeiros filántropos ao servizo do seu Betanzos natal, no que se alternan fontes, xardíns e esculturas de todo tipo e natureza.

Unha vez visitados estes e outros puntos, saímos de Betanzos pola N-651  ou pola AP-9 en dirección a Pontedeume. Despois de 16,5 km, á altura da localidade de Campo Longo, desviámonos á dereita cara ao mosteiro de Monfero, ao que chegaremos tras percorrer outros 16,5 km. Neste conxunto histórico-artístico de rechamante fachada poderemos visitar a igrexa que serve como templo parroquial. Acudiremos en horario de culto.

Partimos de novo cara a Campo Longo. Desde alí, tras percorrer dous quilómetros escasos, chegamos a Pontedeume. No centro da vila visitaremos a Torre dos Andrade, parte conservada do antigo pazo condal. E tamén podemos achegarnos ata a Torre da Homenaxe do antigo castelo, fóra da vila, no cumio da Pena Leboreira. Dous símbolos do antigo e forte poder que exerceu a liñaxe dos Andrade sobre estas terras.

O noso seguinte destino é o mosteiro de Caaveiro. En Pontedeume tomamos o desvío á dereita antes de cruzar a ponte do río Eume, xusto na gasolineira. Percorremos 4 km ata o lugar de Ombre. Neste punto viraremos á man esquerda nun desvío, accedendo deste xeito a unha estrada local. Esta vía levaranos, bordeando o río Eume, ata Caaveiro. No noso camiñar, penetraremos uns 10 km no Parque Natural das Fragas do Eume, considerado como un dos bosques atlánticos máis importante de Europa. Acolle multitude de especies animais e vexetais de gran valor, todas elas fundamentais para o equilibrio biolóxico desta fermosísima zona.

Á entrada do Parque atopamos o Centro de Recepción de visitantes onde nos poden informar das actividades a realizar neste espazo natural así como as condicións de visita do mosteiro. En tempada alta hai restricións para os vehículos de particulares, sendo obrigatorio abordar os autobuses gratuítos facilitados polo Parque. Aconsellamos conseguir máis información no Tel.: 981 432 528. Cheguemos en autobús ou en coche propio, percorremos 500 metros máis desde o aparcadoiro.

Cruzaremos o río e superaremos unha pequena pendente que nos permitirá admirar unha fermosísima paisaxe. Camiñando por un pequeno vieiro que sae á dereita podemos acceder ao antigo muíño e á ponte sobre o río Sesín. En Caaveiro, á beira dun Eume que serpea entre montes, e rodeados dunha espesa foresta, descubriremos por que este contorno deixa unha profunda pegada en todo aquel que o visita.

Para rematar a nosa xornada, desandamos o camiño e volvemos a Pontedeume.

Día 2º

Esta segunda xornada comeza en Pontedeume, circulando pola N-651 ou pola AP-9 en dirección a Ferrol. Ao chegar a Fene, desviámonos á dereita cara a Neda e Xuvia. Nesta última localidade, situada a 16,4 km de Pontedeume, desviarémonos de novo á dereita, accedendo á estrada AC-862. Desde este punto quédannos 43,2 km, circulando polo interior da provincia da Coruña, para chegar a Ortigueira.

O municipio de Ortigueira ocupa o espazo existente entre as serras d'A Capelada e da A Faladoira. En cifras absolutas, non se pode dicir que esteamos ante grandes cumios (a altitude máxima apenas chega aos 600 m), pero si que se trata dun terreo abrupto, complicado aínda máis pola proximidade da recortada liña de costa. Precisamente, a conxunción destes dous elementos, monte e mar, é o sinal de identidade paisaxística máis recoñecible desta zona. A ria d'Ortigueira é ampla na súa entrada, pero retórcese en xiros e curvas ao penetrar na terra. Pararemos para visitar a igrexa parroquial de Santa Marta e o antigo convento dos Dominicos. Ademais, faremos ben en coñecer algunha das numerosas e fermosas praias que engalanan esta parte do litoral norte de Galicia.

Deixamos atrás Ortigueira saíndo pola AC-862. Poucos quilómetros despois, tomamos un desvío sinalizado cara a Cariño, situado a 17,8 km deste punto, aínda nas marxes da ría de Ortigueira. Esta localidade, posuidora dun forte carácter mariñeiro, é a porta de entrada a unha zona de especial beleza. Atopámonos no extremo norte de Galicia e, por extensión, de toda a Península Ibérica. Se a esta privilexiada localización unimos a presenza próxima da serras da Capelada, teremos todos os ingredientes necesarios para unha paisaxe realmente fermosa. Os montes da serra ofrécennos unhas impresionantes vistas sobre as rías e os seus pobos.

A pouca distancia, só uns quilómetros en dirección norte, visitaremos o cabo Ortegal, rodeado de impresionantes cantís que nos sitúan fronte ao lugar no que o Océano Atlántico se funde co Mar Cantábrico. Neste punto, ao borde dun océano que se estende ata perderse na liña do horizonte, poñemos fin á nosa segunda xornada de ruta.

Día 3º

Saímos de Cariño en dirección a Santo André de Teixido. A poucos quilómetros de distancia atópase, perfectamente sinalizado, o miradoiro de Montes de Miranda. Desde esta atalaia, enclavada na serra da Capelada, admiraremos as inmellorables vistas sobre a ria d'Ortigueira e Cariño.

Para movernos por este contorno, algo que non deberiamos deixar de facer na nosa visita a estas terras, é moi recomendable realizar pequenos tramos a pé. O terreo é escarpado, pero este inconveniente vese compensado polos tesouros naturais da zona. Gozaremos da presenza próxima de especies animais, como o raposo e o cabalo salvaxe, entre outras moitas.

Mención especial merece o azor, unha ave rapaz que atopa nos espazos da serra da Capelada o ambiente perfecto para lanzarse vertixinosamente, en maxestoso voo, tras as súas presas. A vexetación deste espazo combina, de forma harmoniosa, espesos bosques con amplos prados, nos que pastan, coa súa proverbial paciencia, grupos de vacas dispersas aquí e acolá.

Retomamos o noso camiño cara a Santo André de Teixido, circulando pola estrada local que vén de Cariño. A pouca distancia atopamos o miradoiro da Garita de Herbeira. Permite unha vista espectacular sobre o maior cantil da Península Ibérica e uns dos maiores da Europa continental: 600 m de caída sobre o mar, cunha pendente superior ao 80%.

Cando cheguemos a Santo André de Teixido, a seguinte parada na nosa ruta, atoparémonos nun dos lugares de culto e peregrinación máis importantes de Galicia. Segundo o dito popular, a Santo André de Teixido "vai de morto o que non foi de vivo".

Deixamos Santo André e circulamos en dirección a Cedeira, situada a 23,5 km Para repor forzas, nesta ben conservada vila mariñeira podemos degustar o peixe sapo á cedeiresa. Tamén podemos achegarnos ao faro de Punta Candieira para contemplar unha boa panorámica da ría.

A franxa de costa entre Cedeira e Ferrol conta con numerosas e fermosas praias. De todas as existentes, citaremos as de Vilarrube, Pantín e Valdoviño. En Valdoviño, ademais do avistamento de paxaros na lagoa da Frouxeira poderemos contemplar a bravura do océano batendo contra os seus cantís.

Para rematar a xornada, despois de percorrer uns 35 km desde Cedeira, chegamos a Ferrol. Esta importante cidade é parada obrigatoria. Hai que dedicar máis dunha xornada a coñecer o deseño urbano único, típico da Ilustración, así como uns arredores onde a natureza impón toda a súa forza.

Arriba
Axúdanos a mellorar!