O festival das aves mariñas e acuáticas

Setembro

A migración das aves desde o norte aos seus cuarteis de inverno chega ao seu cénit neste mes. As zonas húmidas da costa e os cabos son os mellores sitios para apreciala, aínda que podemos observar fascinantes eventos migratorios case en calquera lugar. 

Setembro é ese mes no que Galicia pasa a ser o foco de atención de moitos observadores de aves das máis variadas procedencias

E, unha vez aquí, o lugar de referencia é o cabo de Estaca de Bares. Aínda que agosto e, especialmente, outubro ofrecen innúmeras e extraordinarias observacións, setembro é o mes por excelencia. Se temos flexibilidade coas datas habemos procurar ir con ventos dominantes do oeste ou do noroeste, que achegan as aves ao cabo, e evitaremos os ventos do leste que as afastan.

Desde as inmediacións deste observatorio ornitolóxico poderemos divisar milleiros de aves mariñas de diferentes especies: mascato do atlántico, carrán común, ártico e cristado, furabuchos das baleares e do Atlántico, pardela encapuchada e cincenta do Atlántico, pentumeiro común, palleira grande, rabilonga e parasita, gaivota tridáctila, etc. Unhas poucas horas hannos permitir avistar miles de aves en migración. Igual que no mes anterior, achegarnos a outros cabos ha ser tamén moi produtivo en avistamentos se as condicións do vento son as apropiadas.

Lagarteiro (Falco tinnunculus)
Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca)
Paíño pequeno (Hydrobates pelagicus)
Pero non só no mar hai aves: todas as zonas húmidas de costa viven un mes extraordinario con ducias de especies de aves acuáticas procedentes do afastado norte

Unha das máis espectaculares é o cullereiro, que podemos encontrar en pequenos grupos ou tamén formando grandes bandadas na enseada do Vao, no Grove, onde a maioría han quedar a pasar o inverno. Pé deles imos poder observar practicamente todas as especies de limícolas que podemos encontrar en Galicia, patos e tamén garzas como a garza real, a garzota pequena e a grande. Son lugares de referencia as rías de Ribadeo e Foz, a Ría de Ortigueira e a do Burgo, a ría de Ponteceso, na Costa da Morte, O Grove, A Ramallosa e Cabo Silleiro, en Baiona, e o esteiro do Miño na Guarda.

Hai unha limícola que, curiosamente, non adoita verse en zonas húmidas, senón en espazos abertos e chans da media montaña

Procedente do distante norte, a píllara rubia pode facer paradas duns días de duración nalgúns lugares de Galicia, aínda que a súa presenza non é moi coñecida; os mellores puntos para encontrala son a Serra do Suído e a Serra da Capelada na contorna da ría de Ortigueira e Cariño.

Practicamente en calquera punto, incluso nas cidades, é posible observar outra ave de sorprendente bioloxía migratoria: o pedreiro cincento. Chega ata Galicia directamente desde lugares distantes como as illas Británicas, Islandia ou mesmo Groenlandia. Neste mes, estes pequenos mais rechamantes paxaros aparecen por todas as partes, en especial en hábitats abertos de áreas costeiras ou montañosas. Outras pequenas especies migratorias, como o peto formigueiro, o papamoscas negro, o chasco norteño ou o picafollas musical, poden verse igualmente en calquera punto da xeografía galega.

Non podes perder

Set
Arriba