17 dec 2014

A directora de Turismo de Galicia salienta a constitución do Consello Termal ourensán como “un empuxe fundamental para consolidar Galicia como destino termal de referencia”

A directora de Turismo de Galicia, que participou hoxe no acto de posta en marcha deste órgano, lembrou que a capital de As Burgas é a segunda cidade europea en potencial termal, só por detrás de Budapest.

“O turismo termal constitúe un dos produtos turísticos máis importantes e estratéxicos de Galicia como destino único”, manifestou Nava Castro.

Nava Castro referiuse tamén á comunidade galega como o territorio con máis establecementos balnearios de España.

Nava Castro, na constitución do Consello Termal Ourensán.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, constituíron onte o Consello Termal Ourensán co obxectivo de impulsar a promoción turística de Galicia potenciando o termalismo en Ourense.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia, referiuse ao Consello Termal Ourensán como “un empuxe fundamental para consolidar Galicia como destino termal de referencia”, que tamén promoverá Ourense “como provincia termal a nivel nacional e internacional, co obxecto de que o seu posicionamento contribúa a un desenvolvemento territorial equilibrado e á creación de emprego de calidade”.

Na súa intervención, Nava Castro lembrou tamén que a cidade de Ourense é a segunda potencial termal europea, só por detrás da capital húngara, Budapest, e que en Galicia están catalogadas máis de 300 captacións de auga mineiro-medicinal, “unha por cada 10.000 habitantes”, manifestou, polo que “a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega”.

A directora de Turismo de Galicia remarcou a importancia do termalismo en Galicia, lembrando que destas máis de 300 captacións hidrolóxicas, máis dunha vintena teñen a cualificación de balneario, polo que a comunidade galega “ocupa a primeira posición en canto ao número de establecementos balnearios a nivel nacional”.

Galicia é líder tamén no conxunto do Estado en canto á oferta mineromedicinal, con máis do 20% da oferta nacional, e “tamén é –engadiu Nava Castro- a comunidade con meirande número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade turística”.

Deste xeito, para a directora de Turismo de Galicia, o turismo termal na comunidade galega é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, “con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público” e de grande atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co pratrimonio cultural, natural ou enogastronómico.

Un plan específico para posicionar Galicia como destino termal
Nava Castro sinalou que, aínda que os recursos termais atópanse nas catro provincias de Galicia, é o caso de Ourense o que presenta unha meirande potencialidade á hora de contribuír ao posicionamento global de Galicia como destino termal, dada a súa concentración de recursos, axentes e servizos relacionados directa e indirectamente co termalismo e a calidade dos mesmos.

Por iso, manifestou Nava Castro, se desenvolveu o Plan Integral Termal para a provincia de Ourense, “un plan específico que persegue o fortalecemento do sector turístico termal da provincia de Ourense, coa visión de consolidar e fortalecer o posicionamento de Galicia como destino termal global”. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia apuntou que unha das accións que aborda o dito Plan é a creación do Consello Termal Ourensán que onte se constituíu.

A directora de Turismo de Galicia referiuse tamén ás accións que se levarán a cabo desde o Consello Termal Ourensán a prol do termalismo da provincia de Ourense, entre as que salientou a posta en marcha do Observatorio Sénior, co obxecto de desenvolver investigacións sobre envellecemento activo, relacións interxeracionais, situación socioeconómica na terceira idade e, por suposto, estudos sobre o termalismo social desde as perspectivas sociolóxica, terapéutica ou económica.

Accións en marcha
Durante a súa intervención na constitución do Consello Termal Ourensán, a directora de Turismo de Galicia fixo tamén unha relación das actuacións incluídas neste programa e que xa están en marcha.

Deste xeito, citou a finalización de obras de balnearios abandonados ou de nova construción, “como é o caso de Cortegada”; a ampliación da capacidade de aloxamento na comarca termal de Monterrei, “na que cómpre destacar a conversión da Fortaleza de Monterrei”; a creación de novas rutas turísticas, “como a ecovía fluvial do Támega”; accións de promoción e comercialización, “como a organización de viaxes de familiarización para operadores turísticos e xornalistas”; a asistencia a feiras de comercialización específicas do eido termal; e a formación, na que salientou a Cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia, o master de Dirección e planificación do turismo interior e de saúde, da Universidade de Vigo.

Por último, dentro destas accións, Nava Castro mencionou os traballos para a creación do Club de produto turístico da auga de Galicia, “unha iniciativa pioneira no sector turístico nacional co obxectivo de promover experiencias turísticas e produtos coa auga como eixe vertebrador”.

Arriba