 |
 |
 |

GALICIA BATE A SÚA PROPIA MARCA E REPITE LIDERADO EN EUROPA.
Unha de cada catro praias con bandeira azul está na
Comunidade galega; ademais dez portos, fronte aos cinco
do pasado ano, logran tamén o recoñecemento internacional.
Galicia consolida o seu liderado en Europa en
canto ás praias e portos con bandeiras azuis,
xa que este verán lucirán este distintivo de
calidade 122 areais e dez portos, o que supón oito
bandeiras máis que o ano pasado. A Comunidade
acapara a cuarta parte do total dos distintivos
concedidos a praias españolas segundo os criterios
de calidade das augas de baño, información,
xestión ambiental e seguridade e servizos aos
usuarios e volve encabezar a listaxe estatal (un
total de 521), a gran distancia do segundo
clasificado, a Comunidade Valenciana (96).
Novos areais distinguidos
Respecto ao verán pasado, Galicia
ofrecerá tres areais máis con bandeira
azul, de forma que na provincia de
Pontevedra haberá 51 praias con
insignia, na da Coruña 49 e na de Lugo,
22.
Entre os areais que gañan este emblema
este verán cóntanse os de: O Muiño na
Guarda; Os Frades en Baiona; Figueiras,
nas Illas Cíes (Vigo); Melide, en Cangas;
e Cabeceira, en Poio, todas en
Pontevedra. Pola súa banda, na Coruña
gañan este recoñecemento A Retorta e
Saltiño-Barraña-Esquerda, no municipio
de Boiro; Saíñas, en Carballo; Aguieira e
Caveiro, en Porto do Son; Langosteira, en
Fisterra e Esteiro, en Mañón. En Lugo, o
municipio de Foz gaña un distintivo para
a praia de Arealonga.
Sanxenxo, o municipio con máis insignias
Por oitavo ano consecutivo, o municipio
con maior volume destes distintivos é
Sanxenxo (Pontevedra), onde a bandeira
azul ondeará en 13 areais, os mesmos
que na campaña estival de 2009.
Séguenlle o concello de Vigo, con oito
bandeiras, mentres que con sete insignias
cada un, sitúanse os municipios
lucenses de Foz e Barreiros.
Portos deportivos
Nesta edición, o maior pulo correspondeulle
aos portos deportivos, xa que
Galicia duplicou o número de instalacións
coa insignia ao pasar de cinco a dez.
A notable progresión, segundo a
Asociación de Educación Ambiental y del
Consumidor (Adeac), debeuse en boa
parte á colaboración que se levou a cabo
entre a entidade e o organismo Portos de
Galicia, dependente da Xunta de Galicia,
para favorecer a promoción da iniciativa.
Respecto das distincións temáticas,
Adeac premiou a Cangas polos seus
servizos de salvamento e socorrismo. Só
outros dous municipios españois, Sagunto
(Valencia) e Cartaxena (Murcia),
lograron tamén o recoñecemento.
Datos en España
En total, España obtivo 605 bandeiras
azuis, 493 en praias e 78 de portos
deportivos, en 2010.
As cifras mantéñeno á cabeza dos 33
países participantes do hemisferio
norte, o que significa que unha de cada
seis bandeiras do total das 3.511
concedidas na rexión ondearán en
España.
O país recibe nesta edición 34 bandeiras
máis que no pasado 2009. |
 |