En Galicia o mar non foi nunca fronteira xa que desde tempos inmemoriais os galegos souberon aproveitar, nunha singular simbiose, as riquezas que este medio lle proporcionaba. Neste mar, e nos mares do mundo, pescaron os mariñeiros galegos todo tipo de especies, desde os minúsculos camaróns ata os grandes túnidos e incluso baleas, para chegar a conformar na actualidade unha industria potente na que destacan a acuicultura, o marisqueo, as conservas, o desenvolvemento naval, etc. Este mar tamén definiu unha paisaxe única con 1200 km de costa dunha gran beleza e diversidade na que podemos atopar longas praias de fina area, escondidas calas, espectaculares cantís e belas illas e illotes, ou as características rías que representan un dos seus sinais de identidade. Esta paisaxe, unida ao singular patrimonio cultural vencellado ao mar e á pesca, permite a súa visita e gozo ao longo de todo o ano complementándoo cunha rica e variada gastronomía baseada en produtos de excelente calidade e aloxándose en máis dun centenar de aloxamentos rurais singulares.
Convidámoste a "navegar" por esta web do turismo mariñeiro de Galicia e desexamos que teñas "unha boa marea".
¿Qué é o Turismo Mariñeiro de Galicia?
Trátase dun novidoso produto turístico que une a autenticidade e singularidade da cultura marítima de Galicia cunha coidada selección de aloxamentos rurais para propoñerlle ao visitante experiencias únicas como:
- Visitar calquera dos 55 faros que atopamos en portos, cantís e illas.
- Embarcar nun antigo barco boniteiro reconvertido en museo flotante.
- Descubrir como se "cultivan" berberechos, ameixas ou navallas nas mesmas praias onde se goza do sol e do mar.
- Mergullarse no colorista rebumbio dunha lonxa de peixe e coñecer o particular sistema de poxa dos distintos produtos do mar.
- Achegarse a algunha das miles de bateas nas que se producen os mellores mexillóns do mundo e degustalos acompañados dun bo viño galego.
- Navegar entre golfiños, rorcuais e marsopas.
- Pasear por calquera dos portos pesqueiros e gozar dos bares e tascas onde se reúnen os pescadores tras unha dura xornada.
Gran parte destas actividades son guiadas polos propios mariñeiros, pescadores e mariscadoras, que lle ofrecen ao visitante unha experiencia diferente, con auténtico "olor e sabor a mar".