O noso percorrido polo norte de Galicia achéganos ata a cidade de Ferrol para ver o seu Arsenal, único porto militar da Ilustración intacto en Europa e a maior base naval da época.

Aínda que nas súas orixes Ferrol foi unha vila de forte tradición mariñeira, ao longo do século XVI o seu porto comezou a acoller os buques da Armada Real. Posteriormente, serían os monarcas Felipe V, Fernando VI e Carlos III os que impulsarían a construción desta grande obra, para converter a cidade na principal base militar do noroeste español e na meirande base naval da época en Europa. No seu interior, ao que podedes acceder solicitando permiso previo, atópase a Sala de Armas, que foi antigo Cuartel de Instrución Militar e agora é residencia de mariñeiría para o persoal destinado en Ferrol. Ademais, podedes visitar o Museo Naval e o Dique da Campá, un dos máis grandes do mundo. Non hai que esquecer tampouco a Exponav, importante exposición da construción naval.

Outra das paradas obrigadas en Ferrol é o coñecido Barrio da Magdalena, que vos achegará á historia desta cidade industrial e mariñeira. Durante o percorrido por este barrio, iluminado polas galerías e de trazado perfecto (en forma de libra de chocolate), non esquezades arrimarvos aos balcóns dos Xardíns de Herrera, lugar dende o que teredes unha magnífica panorámica do Arsenal. O Teatro Jofre, a igrexa de San Xiao ou o Ateneo Ferrolán son outros dos elementos que acompañarán a vosa visita.

Afastándonos do centro da cidade, podemos finalizar a ruta visitando o barrio mariñeiro da Graña, coas súas típicas casas estreitas e rúas empedradas que nos levarán cara a unha visita ao interior do Castelo de San Felipe, co núcleo de poboación aos seus pés. Esta fortaleza é un fiel reflexo do estilo dos modelos académicos da súa época, a Ilustración. Contemplando desde aquí as magníficas vistas sobre a ría e o Castelo da Palma, situado no municipio de Mugardos, será imposible non recordar a importancia histórica e cultural do conxunto formado polas fortalezas defensivas da ría de Ferrol e do Arsenal Militar, que facían desta entrada un fortín inexpugnable desde o mar, sobre todo para as incursións inglesas.

Interésache...
- Museo Naval: Aberto de martes a venres en horario de 09:30 a 13:30 horas e sábados, domingos e festivos de 10:30 a 13:30 horas. Os luns permanece pechado.
- Exponav: Aberto de martes a venres de 10:30 a 19:30 horas e luns, sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:30 horas. Máis info en www.exponav.org

Se vos coincide co solpor, este é o final perfecto: o sol caendo sobre as augas quedas da ría con vistas a Ferrol, esa cidade mariñeira e naval que vos acolleu durante o día.

Arriba
Axúdanos a mellorar!