|
Cargando ...
|
|
|
|
|
| Descrición |
Conxunto histórico de cascos urbanos declarados como tal.
Declarado o 30 de novembro de 1972.
Beiramar de hórreos podería ser o significado actual de Combarro. O certo é que o mar ten rúa de seu neste litoral do concello de Poio. Entre a rúa por excelencia que delimita a costa cunha liña de hórreos e a rúa de atrás ou de San Roque, atópase unha disposición espacial que no seu resultado final é case un símbolo de galeguidade popular.
Sobre o propio afloramento granítico levántanse as pequenas casas mariñeiras con requintados traballos de cantería. Agradan as solainas balconadas de pedra moi do gusto dun tempo barroco inspirado se cadra na arquitectura pacega. Os interiores revelábanse humildes, co piso de abaixo a terra e apenas sen divisións entre estancias.
Cara ao mar, resérvase un espazo dos traballos presidido polos hórreos. Cóntanse uns trinta, formando un dos meirandes conxuntos de Galicia coa singularidade ademais da súa ubicación costeira. Tamén son de pedra, aínda que o seu nome local de palleiras remóntase a unha antigüidade con teitos de colmo ou outro material deste tipo. O importante é que coa súa función de almacenamento revelan a necesaria simbiose entre o agrícola e o mariñeiro propiciado polas rías.
E por último os cruceiros, elementos dunha relixiosidade popular que non podían faltar nas encrucilladas. "Onde hai un cruceiro, houbo un pecado", explícanos Castelao e, sexa certo ou non, en tres dos seis cruceiros da parroquia de Combarro represéntanse unha vitoria sobre mal. Algúns deles posúen ademais un mesado a xeito de altar con funcións sobre todo ornamentais para a procesión do Corpus.
|
|
|
|
|
| principais monumentos |
|
Casas mariñeiras
Estilo: Arquitectura popular
Datación: s. XVII-XVIII
|
|
Cruceiros
Estilo: Arquitectura popular
Datación: s. XVIII-XIX
|
|
Hórreos
Estilo: Arquitectura popular
Datación: s. XVIII
|
|