|
Cargando ...
|
|
|
| Situación |
| Nas Rías Baixas. Componse de catro
arquipélagos que son Cortegada e Sálvora na
ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra
e Cíes cerrando a ría de Vigo. |
|
|
| Superficie |
8.332,80 ha (1.194,80 ha terrestres e 7.138 ha
mariñas).
En concreto: Cíes (2.658 ha marítimas e 433 ha
terrestres), Ons (2.171 ha marítimas e 470 ha
terrestres), Sálvora (2.309 ha marítimas e 248
ha terrestres) e Cortegada (43,8 ha terrestres). |
|
|
| Acceso |
| Servizo regular de transporte marítimo de
pasaxeiros ás Cíes desde os portos de Vigo,
Baiona, e Cangas en temporada alta. De igual
xeito, a Ons desde Portonovo, Sanxenxo, Bueu
e Marín. Servizo de guía a Cortegada desde
Carril (Vilagarcía de Arousa). Sálvora, sen
servizo marítimo de transporte ten ademais
acceso restrinxido. |
|
|
| Servizos |
Aloxamento: só nas Cíes e Ons.
Comida: só Cíes e Ons contan con servizos de restauración.
|
|
|
| Sen perda |
Non circulan vehículos por ningunha das illas que forman o Parque Nacional. Ademais, outro aspecto que debemos ter en
conta é o control de lixo. Os visitantes deberán responsabilizarse dos envases e residuos que transporten ás illas.
Nas Cíes o acceso controlado a un número máximo 2.200 persoas diarias garanten a tranquilidade. Desde o embarcadoiro
de Rodas resulta doado achar os percorridos principais a cada un dos tres faros existentes. Trátase de rutas de dificultade
media, un pouco esixentes en días de calor e nalgúns treitos de ascenso. Porén, maior será a recompensa paisaxística.
Unha das máis recomendadas é subida en zigzag ao Monte Faro, a unha distancia de 7 km entre ida e volta desde o peirao.
Neste traxecto atoparemos ricos observatorios de aves en paisaxes como o da Campá, unha auténtica ventá labrada en
pedra onde abouxan en época de cría unha importante colonia de gaivotas de pata amarela cunhas 22.000 parellas
reprodutoras.
Na illa de Ons o visitante atopará desde o peirao a praia e o poboado do Curro de onde parte unha longa ruta con varias
posibilidades. Subirmos ao miradoiro do Faro entre as construcións dos “illáns” ou ben ir cara ao norte e situármonos na
solitaria e fermosa praia de Melide. Cara ao sur, por diferentes carreiros chegaremos ao miradoiro de Fedorentos pasando
polo Buraco do Inferno, unha furna con forma de pozo onde se escoita o bruar do mar desde as entrañas da terra.
Os billetes de embarque emítense co regreso pechado en día e hora para a cota de visitantes establecido en cada
arquipélago. Non existe transporte regular para saltar dunha illa a outra, pero pódense contratar cruceiros turísticos para
visitar en conxunto os ecosistemas das rías.
|
|
 |
|
| Natureza senlleira |
En todas as illas existen zonas de reserva para a cría de aves mariñas que o visitante deberá respectar.
Os sistemas naturais representativos do parque son as zonas costeiras e a plataforma continental atlántica. A vida
vexetal está condicionada polos ventos cargados de salitre. A flora máis representativa atópase en cantís e dunas.
Abundan as toxeiras; e as rarezas do parque son a camariña, a xesta de Ons e as flores chamadas paxariños da
Linaria arenaria. Gran parte dos animais terrestres tamén dependen do mar. Numerosas colonias de aves,
principalmente de gaivota de pata amarela e corvo mariño cristado. No mar, posibilidade de avistamento de cetáceos
coma o rorcual común que no verán frecuentan estas augas. Ademais, no medio mariño son importantes as
comunidades de algas pardas.
|
|
|
| Información e equipamentos |
Centro de Interpretación Illas Cíes
Teléfono: 986 687 696

Observatorios de aves (illa de Ons e illas Cíes)

Punto de Información Illa de Ons
Teléfono: 986 687 696

Sede do Parque Nacional
Rúa Eduardo Cabello s/n, Edif. CETMAR, Bouzas (Vigo).
Teléfono: 986 687 696

|
|
|
| Descrición |
Atlántica maxestade
Illa de San Martiño.Illas Cíes
Navegar cara ao poñente é unha das grandes
aventuras do litoral galego. Existen as illas galegas,
estes son os seus nomes: Cíes, Ons, Sálvora e
Cortegada. Palabras arquipélago de augas o
bastante turquesa e area suficientemente branca
para evocar praias caribeñas... “ata que metes un
dedo na auga”. Isto afirma como mérito o diario
The Guardian ao considerar o areal de Rodas nas
Cíes como o mellor do mundo. Augas frías coas
mellores propiedades do océano para a vida
submarina e historias singulares de pecios
afundidos.
Dende o barco da ría de Vigo albíscase a liña do contorno de tres illas que xogan a ser dúas. Son coñecidas como as Cíes porque seguimos a nomealas polo alcume romano de Siccas, ás illas
secas, aínda que ningunha por separado se chame así. A do norte ou do Monteagudo e a do medio ou do Faro únense polo finísimo areal de Rodas e un lago que completa a estampa paradisíaca. A illa
do sur ou de San Martiño permanece afastada das outras por unha canle chamada porta do mar. O arquipélago abrangue ademais unha serie de illotes que se unen baixo a superficie nuns fondos de
enorme e fráxil biodiversidade, dende a beleza microscópica nos prados de algas ata a grandiosidade dos cetáceos que non é raro observar.
Ons e a súa irmá Onza ou Onceta e o illote das Freitosas pechan a ría de Pontevedra cunha liña de costa perfilada con area de praias. Pola contra, a parte non visible desde terra é extremadamente
agreste e propicia para a formación de furnas e cons. A paisaxe submarina desta cara oceánica fórmana paredes verticais ateigadas de vida grazas ó afloramento de augas profundas ricas en
nutrientes. Soubérono ben os habitantes desta illa, a única actualmente poboada do Parque Nacional, dedicados á pesca entre a que salienta a captura do polbo.
Sálvora, no extremo occidental da ría de Arousa,
con toda a súa constelación de illas cargada de
lendas e historias mariñeiras como as pequenas
Noro, Vionta e Sagres, é a reserva total en fondo e
superficie. Ao igual que nas anteriores Cíes e Ons,
o paso do home deixou a existencia de edificacións
humanas de uso relixioso (capelas, altar ou igrexa),
civil (faros), militar (fortalezas) e industriais. En
Sálvora a salgadeira converteuse en pazo con dúas
torres e achamos ademais unha aldea de fermosa
fasquía tradicional con oito hórreos e capela.
Cortegada e as veciñas Malveiras gozan da
proverbial riqueza biolóxica do mar interior de
Arousa. Para observarmos a actividade produtiva o
peirao e paseo de Carril ofrecen boas leccións de
marisqueo cos seus parques de cultivo de ameixa e
berberecho. As mareas son a única fronteira da illa
de Cortegada que semella conquistable a pé. En
ocasións realízanse visitas guiadas que ademais da
historia insular amosan tras o seu espeso piñeiral o
tesouro vexetal que representa o bosquete de
loureiros con exemplares de ata doce metros de
altura.
|
|
|
|