Ao longo deste percorrido por terras ourensás, descubriremos unha gran parte do seu patrimonio máis descoñecido.

Superviventes pétreos do paso do tempo, presentan un desigual estado de conservación pero todos manteñen intacto o seu valor como testemuñas artísticas e etnográficas.

Cando esteades en Santa Comba de Bande, fixádevos nos encantos que alberga o lugar: fóra dos muros do templo, pódense ver os restos dunha capela anexa onde se practicaban bautismos para que os que alí acudían puidesen entrar na igrexa como cristiáns; de feito, aínda se conserva a pía bautismal.
    Descrición de Vilanova segundo Curros Enríquez

Outra información de interese...
- Museo de Arte Sacro de Santa Clara: Permanece pechado do 15 de xaneiro ao 15 de febreiro. Máis info sobre horarios e entradas  en www.allariz.com.
- Centro Arqueolóxico Aquae Querquennane: 988 040 127. Máis info sobre horarios e entradas en querquennis.com/.
.

Día 1º

Comezamos a nosa visita nunha vila de marca, xa que nela podemos ver a maior concentración de hórreos de toda España. Ata 35 cabaceiras se chegan a contar no conxunto de hórreos da Merca. Aliñadas nunha pendente para a súa perfecta aireación, son a mellor testemuña dun pasado rural moi vivo. Camiñando polo Campo da Feira, sentiredes como o zoar do vento atravesa os ocos das paredes de madeira ocre.

Na Merca, todos os hórreos son deste material coa excepción de dous que son mixtos. Se queredes saber cal é a antigüidade de cada exemplar, a clave é comprobar que tipo de cravos ten a súa portiña. Se son de ferreiro, estaredes ante os cabazos máis antigos.

Tras esta parada etnográfica, continuamos o noso percorrido ata terras de Celanova, tantas veces cantadas por coñecidos autores das nosas letras como Curros, Celso Emilio ou Méndez Ferrín. Comezaremos pola vila medieval de Vilanova dos Infantes. Camiñando devagar polas súas rúas, atoparemos algunha das antigas casas señoriais que rodean a torre do castelo, derrubado polos Irmandiños a mediados do século XV e reconstruído máis tarde. Tamén podemos atopar os restos dun mosteiro pegado á actual igrexa parroquial, de estilo románico. Neste templo consérvase un Cristo de madeira do século XII, de tamaño natural e de matices bizantinos. Fixádevos especialmente na súa cruz, pois semella as ramas dunha árbore.

Xa no centro da vila de Celanova, en plena Praza Maior e nas proximidades do Mosteiro de  Celanova, achegádevos a coñecer a capeliña mozárabe de San Miguel. Esta constitúe un exemplo único na Península Ibérica e resulta esencial para entender os tempos da repoboación cristiá. Seguramente, o que primeiro chamará a vosa atención serán as súas dimensións, apenas 22 metros cadrados, pero tamén é singular pola súa estrutura. Animádevos a entrar para ver de preto o seu arco de ferradura con alfiz.

A poucos quilómetros do centro histórico de Celanova, agárdanos o Castro de Castromao nunha elevación que domina o río Arnoia. Detédevos no cumio rochoso e outeade o amplo horizonte que se abre ante vós. Imaxinade por un momento os habitantes destas terras, vivindo o seu día a día nestas vivendas. Percorrede a súa muralla de 500 metros de perímetro e observade o terraplén revestido de cachotería. A súa situación, en plena Vía Romana XVIII, xustifica a gran cantidade de restos atopados como moedas, cerámica ou miliarios que hoxe podedes atopar no Museo Provincial.

Continuando cara ao sur, e seguindo as pegadas do pasado, acudimos ata Bande para coñecer o templo visigótico de Santa Comba. Este santuario, que data da segunda metade do século VII, conta con planta de cruz grega e perímetro rectangular do que sobresaen a capela maior e o pórtico. Cando esteades alí, fixádevos nos encantos que alberga o lugar: fóra dos muros do templo, pódense ver os restos dunha capela anexa onde se practicaban bautismos para que os que alí acudían puidesen entrar na igrexa como cristiáns; de feito, aínda se conserva a pía bautismal. Outra das cousas que vos chamará a atención é a fonte denominada “o pociño dos namorados”, pegada aos muros do adro. Probade a beber das súas augas e quizais alguén caia rendido aos vosos encantos.

Imos agora ata o veciño concello de Lobios para visitar a igrexa de San Salvador de Manín, coñecida popularmente como igrexa de Aceredo. Este lugar sagrado conta cunha rica historia chea de anécdotas. A máis rechamante é sen dúbida o seu cambio de lugar, pedra a pedra, en dúas ocasións. Orixinariamente o templo foi construído en Manín e posteriormente trasladado, no século XVIII, aos terreos hoxe anegados polo encoro de Lindoso. O seu valor arquitectónico, como un dos mellores expoñentes da arquitectura barroca da comarca, salvouna de novo no século XX para levantarse hoxe no seu actual enclave.

Retrocedendo aínda máis no tempo dos nosos achados, visitamos no concello de Muíños os dolmens de Maus de Salas. Este é un dos xacementos megalíticos máis importantes de Galicia. Preto desta localización, atoparedes tamén o agreste Parque do Xurés, de indubidable valor natural e paisaxístico.

No xacemento de Maus de Salas, poderedes descubrir varios enterramentos megalíticos das diferentes etapas construtivas. Un deles, a Casiña da Moura, non se conserva no seu lugar orixinal debido á inundación producida pola construción do encoro. Para chegar ata este dolmen de corredor, debemos percorrer varios quilómetros e atravesar unha estreita ponte na parte superior da presa. Cruzando o encoro de Salas atopamos a Casola do Foxo, que se corresponde ao período inicial do megalítico. Na orixe, o acceso estaba situado cara ao sueste como en case todos os dolmens galegos. De todos os xeitos, a súa entrada non é a orixinal, dado que os pastores a taparon para protexerse do vento.

Para poñerlle fin a esta xornada, nada mellor que dar una pequena camiñada polo contorno do encoro: coa caída do sol as augas tornan dunha cor cálida e resultan ser un bo remedio para desconectar a mente.

Día 2º

De volta á Roma imperial, nesta segunda xornada pasaremos revista ao campamento militar romano Aquis Querquennis, no concello de Bande. Construído baixo o reinado de Vespasiano, foi abandonado no ano 120 d. C., aproximadamente. A teoría máis probable sobre a súa construción é a que sostén que o fixo como posto de vixilancia da Vía XVIII ou Vía Nova entre Bracara e Asturica, as actuais Braga en Portugal e Astorga en León.

 

Proba disto é que este enclave cumpría moitos dos requisitos esixidos: era un lugar de fácil acceso e existían pastos, gran cantidade de leña e as apreciadas augas termais. Antes de chegar ata aquí, podemos facer unha parada no Centro de Interpretación Aquea Querquennae, onde conseguiredes dar resposta a moitas das vosas dúbidas.

Continuando co noso camiño, atopamos os Baños de Bande. Nestas termas foron atopadas dúas aras, nunha delas pódese ler “Boelio Rufo cumpriu este voto ás ninfas, intercedendo pola súa propia saúde”. Lembrade levar o traxe de baño porque tan pronto sintades o vapor da auga fumegante saíndo a modo de invitación das catro bañeiras, vaivos resultar moi difícil resistirvos.  

Co corpo relaxado tras o baño nas quentes augas termais, desprazámonos ata Xinzo de Limia, para visitar o antigo mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras. Este antigo cenobio data do século XVI e é de estilo gótico portugués, con elementos renacentistas. Non perdades a oportunidade de percorrer o seu harmonioso claustro: percorrer as súas teatrais ruínas daravos a impresión de estar viaxando a tempos mellores nos que o lugar estaba vivo. En canto á súa construción, varias son as lendas que teorizan sobre a súa orixe. Unha delas narra como foron un grupo de cabaleiros portugueses os que, ante a aparición dunha imaxe do Neno Xesús, decidiron construír unha capela que atraeu gran devoción. Esta fe motivou a fundación do convento por parte dos franciscanos.

Seguindo cara ao norte atopamos unha vila de conto, Allariz. Situada á beira do río Arnoia, é un dos conxuntos históricos mellor conservados de Galicia no que predomina a pedra, a madeira e por suposto, a natureza. Percorrede as súas rúas mirando ben atentos este auténtico museo ao aire libre. Case sen darvos de conta, chegaredes ata o convento de Santa Clara, o cal non debedes deixar de visitar. Fundado por dona Violante, esposa do rei Afonso X o Sabio, alí atoparedes unha imaxe de marfil da Virxe Abrideira, de finais do século XIII. Trátase dunha imaxe sedente da Virxe suxeitando o Neno que, ao abrirse, semella un retablo destinado a narrar a vida de María, con escenas do Nacemento, da Ascensión, da Coroación, da Anunciación e da Epifanía.

É Allariz un lugar ideal para xantar nalgún dos seus restaurantes ao carón do río mentres contemplades a beleza da paisaxe. Ah, non esquezades probar os seus amendoados, sen dúbida ningunha, unha deliciosa lembranza desta viaxe.

Rematando a xornada, desprazámonos ata o concello de Maceda para coñecer un dos edificios civís máis relevantes da Idade Media en Galicia, o castelo de Maceda. A fortaleza cumpría unha función de vixilancia e de defensa, primeiro, contra as incursións musulmás e, máis tarde, contras as lusitanas. Disque conta cos muros máis grosos de calquera fortaleza europea. Como dato curioso, constatamos que á idade de 11 anos viviu entre estas paredes Alfonso X alcumado O Sabio, autor das coñecidas Cantigas de Santa María.

Se despois de todo o visto e o experimentado, aínda conservamos un oco na nosa retentiva, faremos un derradeiro desprazamento ata Xunqueira de Ambía para visitar a súa Colexiata.

Arriba
Axúdanos a mellorar!