Da beleza paisaxística e monumental do Barco de Valdeorras trasladámonos ao concello da Rúa, onde se concentra o maior número de adegas desta denominación.

A comarca de Valdeorras é unha zona de gran contraste xeográfico. Combina a súa proximidade a Pena Trevinca, coñecida como “o teito de Galicia”, coas súas profundas concas fluviais, polas que discorre o río Sil e os seus afluentes.

Na súa terra vermella e arxilosa a vide séntese cómoda. A lousa non só adorna os tellados de edificacións tradicionais, senón que compón un solo apto para a maduración da uva. Esta, convertida en viño, bótase a durmir baixo a terra, nas mesmas covas que escavaban os romanos hai séculos buscando ouro.

Máis información...
- Pazo do Castro. www.pazodocastro.com
- Adega Alán del Val. www.alandeval.com
- Adega Joaquín Rebolledo. www.joaquinrebolledo.com
- Adega de A Coroa. www.acoroa.com
- Adega Godeval. www.godeval.com

Día 1º

Retallos de historia medieval

Propoñémosvos unha ruta pola comarca e o Val de Valdeorras, modelado polo paso do río Sil entre montañas. A localidade do Barco de Valdeorras preséntase como punto estratéxico para explorar esta terra. Recomendámosvos chegar ao aloxamento elixido a primeira hora da tarde. A oferta hoteleira é variada, tanto na propia vila como nas súas parroquias.

Da tradición dos pazos aos tratamentos de viñoterapia

Hoteis, casas e pazos gardan retallos da historia medieval desta cidade, polo que merecen unha visita. É o caso do Pazo dos Flórez ou Pazo do Castro, convertido en hotel. Está situado no lugar coñecido como Vila do Castro, a cinco minutos do centro, na parte alta do Barco de Valdeorras. Dende aquí ofrécese unha ampla vista sobre a chaira na que se asenta esta gran poboación. En 1630 D. Pedro Losada e Quiroga mandouno construír para fundar o seu morgado regular.

Chama a atención o seu aspecto orixinal, diferente ao resto dos pazos galegos. Recíbenos a súa fachada con seis arcos de pedra vermella do país sobre un amplo soportal e os seus tellados cubertos de lousa, sinal de identidade da comarca, cuxa actividade económica xira arredor da súa extracción. Declarado edificio histórico-artístico xunto coa súa capela, foi habilitado como hotel-monumento de catro estrelas. No seu interior conserva o mobiliario, a decoración e obras de arte orixinais. Curioseade no seu contorno e descubriredes nunha palleira anexa un pequeno museo de carruaxes e aparellos de montar.

Se chegáchedes cedo poderedes aproveitar e engadirlle á tarde un pouco de relax no spa do pazo. Envolvementos ou masaxes en aceites extraídos da uva son algúns dos tratamentos de viñoterapia que nesta zona integran a proposta arredor do amplo mundo do viño e a súa cultura.

O botelo, as castañas e os cogomelos predominan nos menús do territorio

E, para cear, a oferta de restauración é moi ampla. Ante o menú lembrade o refrán que escoitaredes aquí: “Do mar, o mero; do Barco, o botelo”. O botelo é un elaborado da matanza do porco, todo un agasallo para o padal. Outros produtos recoñecidos da zona son as castañas, que están a ocupar un posto de honra na cociña actual de Valdeorras, xunto coa gran riqueza micolóxica dos seus montes. Na copa encaixarán á perfección tanto un tinto de mencía como un branco de godello, da Denominación de Orixe Valdeorras..

Día 2º

De adegas na Rúa

A mañá dedicarémola a coñecer a fondo os viños da Denominación de Orixe Valdeorras, da man dos seus adegueiros, nos propios viñedos.

Desprazarémonos en coche ata o veciño concello da Rúa, onde se sitúa o maior número de adegas adscritas á denominación. Seguimos a N-120 e logo o desvío indicado á localidade. No cuarto de hora aproximado de traxecto, a súa beleza vai revelándose ante nós. O curso encaixado do Sil que viñamos seguindo ensánchase aquí de tal maneira que forma aos pés da Rúa o encoro de San Martiño, espazo de gran valor natural pola súa flora e fauna e cuxo interior contén varias illas.

Os adegueiros móstrannos os segredos dos seus caldos

Son moitas as adegas da zona que merecen a nosa atención pola súa gran singularidade, así que dedicaremos boa parte do día a visitalas e conversar cos adegueiros sobre as variedades, o cultivo da viña, a poda, a vendima, a elaboración, o clima, os solos ou calquera aspecto que desexemos coñecer sobre o vínculo desta terra co viño.

Pola mañá poderemos acompañar aos adegueiros de Alán del Val ata a finca A Costiña, para ver as cepas de brancellao, orientadas ao sur nun terreo cunha marcada pendente. Baixo este solo de lousa, que facilita a permeabilidade e a absorción da calor solar, a maduración da uva será a idónea. Así é como esta adega elabora un viño exclusivo de parcela, con botellas numeradas que acaban nas mesas dos mellores restaurantes.

Máis tarde descenderemos ata a cova-adega denominada “A Mina”, construída no século XVIII e restaurada respectando todos os seus elementos estruturais. É aquí onde a Adega Joaquín Rebolledo madura os viños de crianza dun xeito natural, afastados do ruído e a unha temperatura e humidade sempre constantes. Nestas habitacións de pedra baixo a terra permanecen as barricas ata que os enólogos consideran que é o momento ideal para que os seus caldos saian ao mercado.

Os restaurantes da Rúa non descoidan os produtos típicos da zona como o botelo ou a androlla, a empanada de costelas, as anguías de río, o cabrito asado ou as carnes de caza.

Unha adega asentada sobre un antigo castro romano

Despois de xantar podemos subir ata o monte da Coroa, onde se asentaba un antiguo castro romano e hoxe faino a adega do mesmo nome. Os seus propietarios reconstruírona sobre unha edificación de máis de 300 anos de antigüidade, empregando só materiais autóctonos como lousa, pedra, madeira e barro.

Os ollos escaparánsenos de inmediato cara a unha pequena construción circular de pedras irregulares coroada por unha cheminea. Trátase do respiradoiro que usa a cova, oculta baixo os seus pés. Aquí ten lugar o proceso de fermentación deste ouro líquido que é o godello. A maxia e misterio do lugar aumentará ao coñecer que a 300 metros ao norte os romanos escavaban esta montaña para obter ouro e que a 200 metros ao sur cruzaba a Vía Nova, calzada romana número XVIII no Itinerario de Antonino, que comunicaba Astorga coa cidade portuguesa de Braga.

Un paseo pola natureza

Se ao rematar o percorrido cos adegueiros aínda non é moi tarde, aconsellámosvos pasear polo espazo verde do Aguillón, que rodea o encoro de San Martiño por toda a marxe dereita do río Sil ao seu paso pola Rúa. É o balcón perfecto para observar as aves que veñen aniñar aquí. Entre elas téñense rexistrado máis dunha ducia de familias distintas de patos.

Para cando sexa a hora de cear, se decidides facelo na Rúa, o codillo de porco é unha das especialidades polas que se distingue o concello, que exalta este prato nunha feira gastronómica anual.

Día 3º

Dos templos románicos ás modernas tecnoloxías de elaboración do viño

Antes de iniciar o regreso podedes dar un último paseo ata o Mosteiro de Xagoaza, que na súa orixe foi priorado dos cabaleiros Templarios, e a igrexa de San Miguel, onde na parte superior se distingue unha Cruz de Malta labrada na pedra.

En pouco máis de media hora dende o centro do Barco de Valdeorras alcánzase este fermoso conxunto medieval dos séculos XII e XIII, que trala súa restauración alberga as modernas instalacións da Adega Godeval, que podemos visitar. A arquitectura románica destas construcións e un contorno natural case virxe transportarannos a un tempo pasado. Pola contra, o interior da adega incorpora as máis modernas tecnoloxías para elaborar un viño monovarietal de godello ao amparo da Denominación de Orixe.

Arriba
Axúdanos a mellorar!