23 xan 2017

O turismo internacional acadou en 2016 máximos históricos, con máis de 1,2 millóns de viaxeiros e 1,9 millóns de pernoitas

 

Así o demostran os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE)  referentes á ocupación hoteleira do 2016

A nosa comunidade rexistrou tamén cifras récord no que se refire aos viaxeiros aloxados, con máis de 4 300 000, e ás pernoitas, con máis de 8 200 000

Os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao ano 2015 en 2,3 puntos porcentuais, para situarse na cifra máis elevada dos últimos nove anos

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) o ano 2016, Galicia acadou máximos históricos tanto no que se refire aos viaxeiros aloxados, rexistrando 4 324 822, como ás pernoitas, con 8 241 822.

A nosa comunidade incrementou, así, os niveis de viaxeiros e pernoitas rexistrados nos seus establecementos hoteleiros no ano 2015 nun 5,8% e 7,2%, respectivamente. É o cuarto ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira.

En termos de mercado, o turismo internacional incrementou a súa cifra de viaxeiros aloxados nun 5,3% e as súas pernoitas nun 6,3% acadando en 2016 novos máximos históricos, con máis de 1.200.000 viaxeiros e máis de 1 900 000 pernoitas.

O mercado receptor nacional incrementou tamén as súas cifras de viaxeiros e pernoitas nun 5,5% e 7,5%, respectivamente, acadando, con máis de 4 000 000 pernoitas, o nivel de demanda máis elevado dende o último Xacobeo 2010.

Pola súa parte, o turismo interno incrementouse nun 7,6% no que se refire ás pernoitas e nun 7,0% aos viaxeiros rexistrando, con máis de 2.000.000 de pernoitas, a cifra máis elevada dos último seis anos.

A nivel territorial, a nosa comunidade rexistrou o pasado ano un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas, rexistrando Ourense e Pontevedra a porcentaxe máis elevada cun 12,6% e 12% de crecemento, respectivamente. Pola súa parte, A Coruña rexistrou un incremento do 3,8% e Lugo do 2,9%.

Os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao ano 2015 en 2,3 puntos porcentuais, para situarse na cifra máis elevada dos últimos nove anos.

Tamén as tarifas hoteleiras e os niveis de rendibilidade subiron en Galicia no ano 2016, un 1,2% e 8% -RevPAR- respectivamente.

Mes de decembro

No que respecta a decembro, Galicia rexistrou un crecemento tanto no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros como das súas pernoitas, dun 2,1% e dun 3,7% respectivamente, en relación ao mesmo mes do 2015.

Estes crecementos permitiron que a nosa comunidade acadase as cifras máis elevadas dos últimos seis anos tanto en viaxeiros, con preto de 190 000, como de pernoitas con máis de 340 000.

En termos de mercado, o turismo interno incrementouse nun 6,8% no que se refire ás pernoitas rexistrando, con 137 000, a cifra máis elevada dos último seis anos.

O mercado nacional incrementou a súa cifra de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións de Galicia nun 2,6% acadando tamén, con máis de 80 000 neste caso, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

Pola súa parte, o turismo internacional superou nun 5,1% o nivel de pernoitas de decembro de 2015 acadando máis de 52 000, o dato máis elevado dende o 2008.

Arriba