09 xan 2017

Turismo de Galicia pon en valor a nova sinalización turística da Ruta da Lamprea


A directora de Turismo de Galicia xunto co alcalde de Arbo visitaron esta mañá a Ruta da Lamprea no seu paso polo concello

O obxectivo desta sinalización é mellorar a accesibilidade aos puntos que integran os diversos itinerarios desta Ruta que atravesa un total de dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre

A actuación comprende sinalización dinámica informativa en estradas e sinalización estática situada ao principio de cada un dos itinerarios e en zonas céntricas ou de máxima afluencia de visitantes

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Arbo, Horacio Gil, visitaron á a Ruta da Lamprea no seu paso polo concello para comprobar o resultado da súa nova sinalización turística.

O obxectivo desta sinalización é mellorar a accesibilidade aos puntos que integran os diversos itinerarios desta Ruta que atravesa un total de dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre.

A actuación consistiu na colocación, por unha parte, de sinalización dinámica informativa en estradas, a través de paneis promocionais, e, por outra, de sinalización estática situado ao principio de cada un dos itinerarios e en zonas céntricas ou de máxima afluencia de visitantes dos concellos que albergan a Ruta da Lamprea, a través de paneis interpretativos.

Así, foron instalados por Turismo de Galicia un total de 30 paneis interpretativos e 5 paneis promocionais. Destes, cinco sitúanse no río Tambre, once no río Ulla e dezanove no río Miño.

Con esta sinalización, o dito departamento da Xunta pon en valor esta Ruta da Lamprea, un produto turístico innovador e diferenciador que combina o compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas dos tres ríos coa visita a lugares de interese natural e cultural a súa contorna.

Así, a través da mesma pódense descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.

Deste xeito, este produto turístico da a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos. Así mesmo, a ruta ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.

Con todo, a Ruta da Lamprea constitúe un produto turístico que potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que integra a través de diversos itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo.

Mellora do entorno fluvial das pesqueiras

Esta sinalización continúa coa aposta de Turismo de Galicia por esta Ruta da Lamprea e este concello tras a mellora do acondicionamento do entorno fluvial das pesqueiras, un dos principais atractivos do curso baixo do río Miño e deste produto turístico.

Estas actuacións contribúen a potenciar o valor destas pesqueiras que constitúen un exemplo vivo da enxeñería popular, do coñecemento do río e dun modelo de pesca sostible que caracteriza a todo o espazo fluvial onde se asentan.

Arriba