23 nov 2016

Galicia acada en outubro a cifra histórica de 407.731 viaxeiros

A nosa comunidade superou nun 8,9% a cifra de viaxeiros e nun 9,6% o dato de pernoitas rexistrados en outubro do 2015

O turismo internacional marcou no pasado mes máximos históricos tanto de viaxeiros, con preto de 135.000, como de pernoitas, con máis de 208.000

A ocupación hoteleira acadou en Galicia a porcentaxe máis elevada dende 2010 ao incrementarse en 4 puntos porcentuais

O turismo en Galicia acadou o pasado mes de outubro un novo máximo histórico de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros ao rexistrar por un total de 407.731.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a nosa comunidade rexistrou en outubro un incremento do 8,9% no seu volume de viaxeiros e un 9,6% nas súas pernoitas acadando 759.538, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

En termos de mercados, o turismo internacional marcou no pasado mes novos máximos históricos tanto de viaxeiros con preto de 135.000 como de pernoitas con máis de 208.000 ao rexistrar incrementos do 10,6% e 13,7% respectivamente.

Continúa tamén a senda de crecemento o turismo interno que presentou un incremento do 14,1% no que respecta ás pernoitas e dun 7,7% no referido aos viaxeiros, acadando o nivel de demanda máis elevado dende 2009.

Pola súa parte, o turismo receptor nacional superou o pasado mes de outubro nun 5,3% o nivel de pernoitas e nun 8,4% a cifra de viaxeiros acadando con máis de 360.000 pernoitas a cifra máis elevada dende o último Xacobeo 2010.

A nivel territorial, as catro provincias galegas rexistraron incrementos de demanda de importante intensidade. Lugo e Pontevedra acadaron os crecementos máis notables superando nun 13% e 11% respectivamente o nivel de demanda hoteleira do pasado ano. Pola súa parte, a mellora en A Coruña e Ourense situouse no 8,0% e no 6,6%.

A ocupación hoteleira tamén mellorou na nosa comunidade no pasado mes en catro puntos porcentuais, situándose a ocupación media na cifra máis elevada dende 2010.

Así mesmo, o incremento dos niveis de demanda e ocupación no pasado mes de outubro, acontecido nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, tivo como consecuencia que os establecementos hoteleiros de Galicia melloren unha vez máis os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015. Deste xeito, o RevPAR subiu un 16,1% rexistrando a nosa comunidade o crecemento máis importante a nivel nacional xunto con Estremadura.


Acumulado do ano

No acumulado dos primeiros dez meses do ano Galicia rexistrou máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros como de pernoitas. Con 3.926.577 viaxeiros e 7.485.519 pernoitas, a nosa comunidade superou nun 6,0% e 7,2%, respectivamente, as cifras do mesmo período do pasado ano.

A mellora dos niveis de demanda viu como consecuencia do bo comportamento rexistrado polos tres grandes segmentos de mercado.

O turismo interno incrementouse nun 7,0% no tocante ás pernoitas e nun 7,5% no que se refire aos viaxeiros acadando, con preto de 1,8 millóns de pernoitas, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

Pola súa parte, o turismo receptor nacional incrementou nun 7,8% as súas pernoitas e un 5,6% os seus viaxeiros, acadando o nivel de pernoitas máis elevado dende o último Xacobeo 2010 superando por vez primeira desde ese ano o nivel dos 3,8 millóns de pernoitas.

Pola súa parte, o turismo internacional creceu nun 6,1% no que se refire ás pernoitas e nun 5,2% no referido aos viaxeiros aloxados. O notable incremento do turismo internacional supuxo que novamente este mercado acadase un máximo histórico tanto de viaxeiros aloxados con máis de 1,15 millóns e de pernoitas con máis de 1,8 millóns.

Como consecuencia da mellora das pernoitas, os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao mesmo período do pasado ano en 2,4 puntos porcentuais acadando a cifra máis elevada dos últimos nove anos.

Arriba