A serra do Courel, atravesada polo río Lor, é unha paraxe natural de incalculable beleza que plasmou como ninguén o escritor local Uxío Novoneyra nos seus poemas. Os seus cumes máis altos son Formigueiros, Montouto e Pía Paxaro, montañas moi apropiadas para realizar rutas de sendeirismo e gozar da natureza no seu estado máis agreste e vivo.

A capa vexetal do lugar, moi abundante e rica, aparece cuberta de uces e carballos, e nas zonas altas podemos ver bosques de aciñeiras e outras árbores autóctonas. Os vales están rodeados de montes de castiñeiros. No Courel destacan tamén devesas como a da Rogueira, unha reserva botánica das máis fermosas e ricas de Galicia.

A aldeas da serra, localidades pequenas con casas de lousa, están cheas de encanto. Nesta serra aínda se poden visitar varias pallozas.

Unha ruta polo Courel é unha viaxe no tempo para marabillarse cunha Galicia que está desaparecendo.

É obrigado facer referencia á importancia do castiñeiro cando falamos desta paraxe natural. O seu froito foi durante moito tempo a base fundamental da alimentación dos habitantes desta zona; un ingrediente importante de moitas comidas como por exemplo o caldo de castañas, castañas con touciño ou leite con castañas. Pero non só se utilizaba o froito senón toda a árbore: as follas para tapar o chan das cortes dos animais, a madeira e a flor para a produción de mel.

Percorrido

Para coñecer a serra do Courel é aconsellable dispoñer de tres días. A ruta é de dificultade baixa, realizada en coche e con dous pequenos percorridos a pé para apreciar mellor unha paisaxe agreste e chea de encanto, onde a natureza o inunda todo. A distribución do tempo é estimada, cada persoa pode variala en función das súas preferencias.

Accesos á zona...

  • Desde a cidade de Lugo polo CG-2.2 e a LU-633 que nos achega a Samos despois de pasar pola Pobra de San Xiao e Sarria.
  • Desde a N-VI á altura de Pedrafita do Cebreiro desviámonos cara ao Cebreiro pola LU-634, que nos leva desde Pedrafita do Cebreiro a Samos.

Día 1º

A ruta pola serra do Courel pode comezar en Samos ou no Cebreiro, dependendo das preferencias do viaxeiro. O noso consello é partir de Samos, onde visitaremos o fermoso mosteiro de San Xulián, fundado en plena etapa visigótica por San Martiño de Dumio e construído en distintos períodos con estruturas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Este templo conta cunha hospedaxe que vén moi ben para repoñer forzas, descansando nun lugar onde a tranquilidade enche todo.

A dez quilómetros desta localidade, en dirección ao Cebreiro, polo denominado Camiño Francés, está a aldea de Triacastela onde podemos visitar a igrexa de Santiago. Construída en estilo románico sufriu unha profunda reforma no S. XVIII. A 11 km de Triacastela encontramos o lugar de Fonfría e a igrexa parroquial de San Xoán, de especial interese. Construída no século XVI sofre importantes reformas posteriores.

 

Continuando o percorrido pola estrada LU-633 encontramos o alto do Poio, un lugar de gran beleza rodeado de bosques. Desde este miradoiro, situado a 1.337 m de altitude, contémplase a serra do Rañadoiro e o val que se forma os seus pés. Tamén podemos ver o monumento ao peregrino no alto de San Roque, a 1.270 m.

Se continuamos na mesma dirección chegaremos á aldea do Cebreiro, a 23 km de Triacastela. Un dos monumentos, de parada obrigada, é o santuario de Santa María A Real. Un templo fundado polo Conde Aurillac e construído no século IX, pero con importantes reformas posteriores.

Outro dos sitios que se debe visitar nesta localidade é o Museo Etnográfico, emprazado en varias pallozas que conservan a súa estrutura orixinal. Esta poboación é moi coñecida por ser a porta de entrada do Camiño Francés en Galicia, polos seus monumentos e paisaxes, pero tamén polos seus queixos. Todos os anos se celebra na serra unha feira de exaltación deste produto gastronómico.

Día 2º

O segundo día partimos cara a Seoane do Courel. Desde O Cebreiro pola estrada LU-633 en dirección a Samos e, a poucos quilómetros, no lugar de Hospital, desviámonos á esquerda para introducirnos na serra pola estrada LU-651.

Ao chegar a Seoane do Courel, no km 33 a contar desde O Cebreiro, atopamos o indicador á esquerda de Visuña e Romeor. Seguimos a sinalización e a 4,8 km do cruzamento, aparecen indicadores á dereita para Visuña e Ferramulín. Se continuamos recto, sen desviarnos e pasando por Millares, chegaremos á aldea de Romeor e ao túnel - acueduto romano.

A partir de aquí a visita ten que ser a pé cunha dificultade media. Hai que camiñar tres quilómetros polo curso dun regato de bastante caudal polo que é aconsellable ir provistos de botas e lanterna, xa que uns 200 m do percorrido, ata chegar á outra ladeira da montaña, son case en penumbra. Volvemos cara a Millares, pasamos por Mostaz e desviámonos con dirección a Visuña - Ferramulín. Xa en camiño atopámonos coas ruínas do castelo do Carbedo, tamén chamado de San Roque. Na zona pódese gozar da maxestosa e espectacular vista do muro do monte Cido, que nalgúns puntos pode alcanzar os 950 m para despois descender suavemente.

 

No km 10 desde Seoane do Courel, chegando ao alto do Couto, parte un camiño á dereita que nos levará a pé á Devesa da Rogueira. Neste punto do noso percorrido podemos contemplar o teito do Courel: o pico de Formigueiros. Continuando o roteiro chegamos a Visuña, onde ata hai pouco seguían moendo dous dos muíños que hai na zona, e a Ferramulín (km 20,3). Na primeira subida ao saír desta poboación, xusto nunha curva e mirando á dereita, vese a sinalización da baixada á fervenza de Vieiros (km 22,4). Despois de percorrer 1.200 metros chegamos á aldea de Vieiros e outro quilómetro máis aló A Seara, unha das aldeas mellor recuperadas do Courel.

Da Seara pasamos polo Soldón e imos á Cruz de Outeiro (km 40). Neste punto hai unha desviación á dereita que atravesa a serra pasando por Vilarbacú e lévanos de novo a Seoane do Courel. Este percorrido, debido a súa dificultade, só resulta aconsellable para realizar en vehículo todoterreo. O itinerario proposto, alternativo a este, conduce a Quiroga pasando por Bustelo de Fisteus. Unha vez en Quiroga, km 49,4 desde Seoane do Courel, dirixímonos pola LU-651 cara a Folgoso do Courel. No km 12 chegamos ao Alto do Boi, de 1.061 m de altura. Neste punto hai unha pista cara á dereita que nos levará a Pía Paxaro e unha desviación á esquerda que nos achegará ao lugar de Vilar. Esta última, de 3,2 km, aínda que está asfaltada, considérase perigosa por ter unha inclinación do 16%. Prohibida a baixada a vehículos con remolque ou autocares.

Unha vez en Vilar visitaremos o lugar que conta cunha ducia de casas pegadas, algunhas delas con rúas moi estreitas e tellados de lousa. Cruzamos a aldea e seguimos o roteiro de sendeirismo de Froxán e Vilamor que nos levará a través dun souto de castiñeiros centenarios ata o castro de Vilar, nun meandro do Río Lor, e á pequena ermida de San Roque. Acompañando o camiño vaise atopando un vía crucis, con cruces de madeira de 1 metro de altura, moi típico da zona. Tamén podemos visitar a “Casa do Ferreiro" cunha singular mostra de "Instrumentos e Aparellos". Desde Vilar a estrada continúa cara a Vilamor y Froxán

Retomando de novo o camiño no alto do Boi, pola estrada LU-651, tomamos dirección a Folgoso do Courel pasando por Santa Eufemia. En Folgoso do Courel, a 10,3 km desde o Alto do Boi, atópase unha nova desviación para visitar Froxán e Vilamor. Seguimos camiño cara a Seoane do Courel pola mesma vía para comezar outra nova xornada ao día seguinte.
 

Día 3º

O terceiro día da ruta partimos de Seoane do Courel ata a localidade de Samos.

Saíndo de Seoane do Courel pola estrada LU-651, a 5,6 km chegamos ao lugar de Ferrería Vella. Máis adiante e desviándonos cara a Seceda está o castro da Torre, do século II-IV d.C., situado xusto nunha curva e a poucos minutos andando. Na mesma dirección, chegaremos a Seceda, unha poboación obxecto dunha fantástica restauración realizada grazas a un programa da Unión Europea, que lle deu un novo aire a esta terra case abandonada no pasado.

Seguindo a ruta por unha estrada serpeante, a 14,2 km, encontramos o lugar de Caselas. A seguinte parada será A Ferrería (do Incio), unha aldea chea de encanto e construída enriba de penedos que tivo un importante pasado balneario. Lamentablemente, o edificio do balneario atópase en reformas. Tamén se pode visitar o manancial mineromedicinal nas proximidades da poboación.

Continuando a ruta chegamos á parroquia do Hospital e á igrexa de San Pedro Fiz, a única románica de España construída en mármore. Case dous quilómetros despois xa estamos na Cruz do Incio, capital do concello. Desde este punto debemos desviarnos cara á igrexa de Santa María de Mao, onde se celebra a romaría de Santo Eufrasio, bispo natural de Andújar, cuxos restos repousan no templo. Para a visita hai que preguntar polas chaves na cantina “Casa Campo”, xa que normalmente está pechado fóra dos horarios de culto. É característico o cemiterio cuberto que rodea o templo.

A ruta finaliza de novo en Samos.

Arriba
Axúdanos a mellorar!