4 Oct

Serra do Xistral

Serra do Xistral

Situación - No norte de Lugo, concellos de Abadín, Alfoz, Cervo, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, Ourol, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro; e toca tamén no municipio coruñés das Pontes de García Rodríguez.

Superficie - 22.480,98 ha.

Acceso – Desde Vilalba enlace coa LU-540 con desvíos ao leste en Muras e Ourol cara ao Valadouro. Pola outra vertente, accesos locais desde Mondoñedo.

Servizos – Aloxamento e comida nas poboacións próximas.

Outros espazos naturais relacionados / próximos – Monumento Natural “Souto da Retorta”, LIC “Monte Maior”, LIC “Parga-Ladra-Támoga”.

Fértil vento

O intenso aproveitamento eólico desta pequena cordilleira de interposición entre a costa cantábrica e os interiores da Terra Chá delata a presenza constante do vento. Entre eles a xistra, ese golpe de vento húmido e xélido que aquí varre os cumes sen máis amparo que a rocha espida dalgúns picos.

O macizo setentrional está formado polo Xistral co punto máis elevado no Cadramón (1.062 m), os montes da Toxiza (832 m) e os da Carba (908 m). Ademais do vento, tamén son o reino da néboa. Atrapan as nubes cargadas que deixan todos os anos cantidades significativas de precipitacións. Malia a proximidade do mar, non son raras as nevaradas invernais. A auga deposítase nas chairas elevadas enchoupando os pasteiros naturais e creando extensos depósitos de turba. Son as turbeiras de cobertor que popularmente reciben o nome de barreiras, tremoal ou lago. Por exemplo, nos lugares das Barreiras do Lago, Lagoa das Furnas, Tremoal da Charca de Santa Cruz…

Os principais ríos que teñen a súa cabeceira nestas montañas son o Eume, na vertente atlántica; e o Landro, Ouro e Masma, na cantábrica. Os cabalos salvaxes en liberdade son unha imaxe frecuente nesta serra.


View Larger Map

2 Aug

Parga – Ladra – Támoga

Lagoa de Cospeito

Lagoa de Cospeito

Situación
Na Terra Cha luguesa, concellos de Abadín, Baleira, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Guitiriz, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba e Xermade.

Superficie
5.013,01 ha.

Acceso
As principais vías son a autovía A-6 e a estrada N-VI no traxecto entre Lugo e Guitiriz. Desvíos cara ao norte. Cara a Vilalba pola N-634.

Servizos
Aloxamento: Si. Comer: Si.

Máis información
Promoción Turística “Terras do Miño” Tel.: 902 101 117.

Equipamentos
Observatorios ornitolóxicos na Lagoa de Cospeito, lagoa de Bardancos e Lagoa do Rei (Rábade); e senda de circular na Lagoa de Cospeito.

Outros espazos naturais relacionados / próximos:
LIC “Serra do Xistral”

Delicada levidade 

O denominado ”complexo húmido da Terra Chá” comprende esta parte da conca alta do Miño onde recibe os afluentes principais pola beira dereita: o Ladra, co seu tributario o Parga, o Támoga e o Narla, así entre moitos outros leitos como o Labrada, o Trimaz, o Madalena.

Ademais da horizontalidade que provoca trazados lentos e sinuosos, adiviñados pola vexetación, outra característica é a pouca permeabilidade deste terreo arxiloso que orixina a formación de charcas. Algunhas temporalmente, dependentes da pluviosidade; pero outras como a Lagoa de Cospeito e a lagoa de Caque forman dous dos principais sistemas lacustres de Galicia. Ambos espazos son lagos de carácter seminatural, cuxa forma actual é debida a proxectos de rexeneración que deixan atrás os intentos de desecación de tempos pasados. Os observatorios e paseos circulares conxugan a súa accesibilidade coa conservación dos fráxiles humidais.

Trátase dunha paisaxe modelada pola actividade agrícola e gandeira na que aínda hai espazo para a conservación de manchas boscosas autóctonas. Carballeiras e especies asociadas ás ribeiras fluviais converten o paseniño fluír das augas nun espello perfecto dos lentos cambios estacionais.


View Larger Map

Linguaxe

Búsqueda

Suscripción RSS

Suscribete vía RSS y recibe un correo con todos los posts del día.

© 2011 turgalicia | todos los derechos reservados