3 May

O Xacobeo presenta na localidade portuguesa de Barcelos a exposición itinerante ‘Olladas no camiño de Santiago’

A exposición recolle a visión particular sobre o Camiño de Santiago dos fotógrafos galegos Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz e permanecerá na vila portuguesa ata o 26 de maio mentres outra copia da colección itinerará polas Illas Azores e Madeira a partir do 8 de maio.

Un técnico do Xacobeo impartiu a conferencia ‘Barcelos no Camiño de Santiago’ como parte dun programa de promoción do Camiño de Santiago en Portugal.

 

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo organiza a exposición fotográfica Olladas no Camiño de Santiago, xunto coa Asociaçao de Espaço Jacobeus e a Cámara Municipal de Barcelos, que se ven de inaugurar esta fin de semana na Biblioteca Municipal desta localidade portuguesa. A exposición permanecerá ata o 26 de maio e o seu horario de visitas é de luns a venres de 09.30 ás 18 horas e os sábados de 09.30 ás 12.30 horas.

Na inauguración, o técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo Francisco Singul pronunciou a conferencia Barcelos no Camiño de Santiago, que forma parte dun programa de promoción da Ruta Xacobea en Portugal. Esta conferencia fai fincapé nos vínculos de Barcelos co Camiño das peregrinacións a Compostela; a lenda do Galo de Barcelos, a historia do culto a Santiago en Portugal e as peregrinacións de reis, nobres e do pobo, así como as motivacións dos peregrinos medievais, resaltándose a figura da Raíña Santa Isabel de Aragón como unha das máis importantes peregrinas da Historia.

A mostra Olladas no Camiño de Santiago, que xa itinerou por diferentes cidades de diversos países, chega a Portugal con dúas copias para percorrer simultaneamente localidades do territorio continental portugués e dos seus máis importantes arquipélagos. Mentres a primeira ten previsto viaxar despois de Barcelos por Valença do Minho, Belmonte ou Vila Verde, a outra copia irá ás Azores, onde se inaugurará en Ponta Delgada o 8 de maio e trasladarase a continuación a Ribeira Grande, Lagoa, Illa da Terceira, Illa do Pico e Illa do Faisal. A continuación poderá visitarse en Madeira.


A exposición ‘Olladas no Camiño de Santiago’
A exposición fotográfica itinerante Olladas no Camiño de Santiago amosa a visión particular que sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo teñen diferentes fotógrafos. Os autores, Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz rexistran coas súas cámaras a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana de peregrinos, visitantes e persoas que viven ao longo dos Camiños que levan a Santiago. Nas fotos destes recoñecidos profesionais aparecen desde símbolos puramente xacobeos ata manifestacións antropolóxicas, pasando por retratos con nome e apelidos e figuras anónimas, e desde paisaxes abertas ata a intimidade de igrexas e claustros. A dicir dos críticos, a través das súas obras os artistas senten e reflicten como nunha sociedade globalizada e acelerada existen espazos en que, independentemente de quen sexas e de a onde vaias, sempre te sentirás identificado. O tempo toma unha dimensión diferente da que manexamos no noso ritmo cotián. O destino é o que te coloca, e ese é Compostela.

26 Apr

O Xacobeo imparte en Brasil un ciclo divulgativo sobre o Camiño de Santiago

Consistirá en conferencias e cursos nas cidades brasileiras de Curitiba, Sâo Paulo e Águas de Sâo Pedro que se desenvolverán dende hoxe ao 29 de abril

O ciclo está organizado pola Asociaçâo Curitigrinos, o Centro Cultural da Espanha e o Instituto Cervantes de Curitiba; a Asociaçâo dos Amigos e Confrades do Caminho de Compostela-Sâo Paulo (ACASCS-SP) e o Instituto Cervantes de Sâo Paulo. Colaboran o Xacobeo e os Cursos Internacionais da Universidade de Santiago

O Xacobeo tamén participará na localidade de Âugas de Sâo Pedro nas actividades do VI Encontro internacional de Peregrinos de Brasil a Santiago de Compostela, entre o 28 de abril e o 1 de maio

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo emprendeu unha viaxe promocional a Brasil onde dende od día 24 e ata o 29 de abril impartirá un ciclo de charlas, conferencias e cursos de carácter divulgativo e informativo en diferentes localidades e tamén participará activamente en todas as actividades organizadas no VI Encontro Nacional de Peregrinos a Santiago de Compostela de Brasil. Ademais, o Xacobeo, representado polo seu técnico do departamento de Asociacionismo e Investigación Manuel Rodríguez, manterá contactos con entidades culturais e turísticas e asociacións xacobeas para incrementar as relacións e promocionar a peregrinación a Santiago como destino espiritual e turístico-cultural.

O ciclo está organizado pola Asociaçâo Curitigrinos (entidade de peregrinos xacobeos de Curitiba e Paraná); o Centro Cultural da Espanha e o Instituto Cervantes de Curitiba e pola Asociacâo dos Amigos e Confrades do Caminho de Compostela-Sâo Paulo (ACASCS-SP) e o Instituto Cervantes de Sâo Paulo. Ademais da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, colaboran cos organizadores os Cursos Internacionais da USC.

O 24 de abril no Salón de Actos do Instituto Cervantes de Curitiba impartiuse o curso titulado O Camiño de Santiago e a súa meta. Pasado e presente. Na súa primeira parte, pasouse revista ás orixes do Camiño e a súa dimensión internacional e na segunda parte incidiuse na cidade de Compostela como meta do Camiño, tralo que seguiu un coloquio. A continuación, ás 19.45 horas, e no Centro Cultural da Espanha, tamén de Curitiba, a conferencia O Camiño de Santiago, un proxecto da cultura europea e universal na que se amosarou o aspecto internacional do patrimonio xacobeo, dende a súa orixe como parte esencial da cultura europea común á súa conversión contemporánea nun patrimonio universal constituído pola aportación de xentes de todas as culturas e continentes.
O 25 de abril, no Auditorio do hotel Nikko de Curitiba e organizada pola Asociación Curitigrinos, pronunciarase a conferencia Santiago de Compostela, o destino do Camiño. As súas pegadas e tradicións xacobeas. Trata sobre os ritos e tradicións que pouco a pouco foron estabelecendo os peregrinos na súa relación coa cidade de Santiago como meta do Camiño e as que perduran na actualidade, así como as novas costumes aportadas.

No salón de actos do Instituto Cervantes de Sâo Paulo, o 27 de abril impartirase en formato de curso a conferencia anterior ampliada e do mesmo título Santiago de Compostela, a meta do Camiño. As súas pegadas e tradicións xacobeas. A primeira parte leva por título Ao chegar a Santiago e entrar na catedral e a segunda parte Unha cidade para os peregrinos.

Outras actividades
Ademais destas conferencias e cursos, o Xacobeo participará entre o 28 de abril e o 1 de maio en todas as actividades do VI Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil a Santiago de Compostela, actividade que con carácter itinerante e bianual organizan as aproximadamente vinte asociacións de amigos de Santiago que existen en Brasil e que nesta edición está organizada pola Asociación de Confrades e Amigos do Camiño de Santiago no Estado de Sâo Paulo e terá lugar na cidade balnearia de Águas de Sâo Pedro, a uns 180 quilómetros da capital paulista.

A asistencia prevista é de entre catrocentas e cincocentas persoas de toda a república e o seu obxectivo e poñer en común diferentes temas da cultura xacobea, fornecer as relacións mutuas entre as distintas asociacións de peregrinos e divulgar e promover as rutas a Santiago. Dentro deste contexto, o 29 de abril na Prefectura Municipal de Águas de Sâo Pedro terá lugar a conferencia 1200 anos de motivacións para percorrer o Camiño de Santiago na que se pasa revista a outras moitas motivacións máis alá da relixiosa que impelen aos peregrinos, aínda que todas parecen estar conectadas entre si e ao longo do tempo como un xeito de percibir a viaxe como unha metáfora da existencia humana, e só así se explica o feito de que o Camiño de Santiago o realicen na actualidade cada vez máis xentes procedentes de todas as xeografías e das máis variadas culturas.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo completará a súa estancia en Brasil coa seguinte axenda:
-23 e 24 de abril. Reunións en Curitiba con representantes da Asociación Curitigrinos e con Álvaro Amarante, director de relacións internacionais da PUC-PR (Pontificia Universidade Católica de Paraná).
-27 de abril. Reunión de traballo en Sâo Paulo coa “Asociaçao dos Amigos e Confrades do Caminho de Santiago de Compostela-Sâo Paulo (ACACS-SP)”.
-28 de abril ao 1 de maio. En Águas de Sâo Pedro, contactos e encontros de traballo con distintos representantes das organizacións xacobeas e culturais participantes no VI Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil a Santiago de Compostela e procedentes de todo o país. Contactos con escritores brasileiros de guías e libros sobre o Camiño de Santiago presentes no Encontro, toda vez que todos os anos publícanse alí novos títulos de temática xacobea. Contactos con outros representantes de itinerarios e centros culturais de Brasil, tales como o Caminho do Sol –ruta de peregrinación especificamente brasileira con sentido xacobeo, realizada por moitos peregrinos como preparación antes de emprender o Camiño de Santiago-, a Casa de Santiago, o Caminho dos Anjos, o Camiho Lagunar, etc.

 

Linguaxe

Búsqueda

Suscripción RSS

Suscribete vía RSS y recibe un correo con todos los posts del día.

© 2011 turgalicia | todos los derechos reservados