Ruta do Viño Valdeorras
Valdeorras é a comarca máis oriental da provincia de Ourense, lindando xa con León. A riqueza dos recursos naturais e a fertilidade das súas terras converteron a Valdeorras en espazo de acollida de numerosos pobos ao longo da historia. Existen abundantes restos da época megalítica no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, ademais de trazos rupestres e os petróglifos de Valdegodos, Petín e San Esteban da Rúa Vella. A chegada dos romanos cambiou substancialmente o val, xa que trasladaron os núcleos poboacionais a zonas chairas e construíron unha das vías máis importantes da Península Ibérica, a Vía “XVIII” ou “Vía Nova” (de posterior utilización como Camiño Real ou Camiño de Inverno no Camiño de Santiago).
Pontes como a do río Bibei, lápidas como a da Rúa Vella, os mosaicos da Cigarrosa e miliarios, forman parte do legado imperial de Roma; aínda que a súa obra máis singular é o túnel de Montefurado, escavado co obxectivo de desviar o curso do río para extraer o ouro que este arrastraba e que actualmente constitúe un lugar de gran atractivo turístico que se pode contemplar a uns cantos metros desde a N-120. Posteriormente, xa no século XVII eríxese o espectacular Santuario das Ermidas rodeado de antigos socalcos de viñedo, que se converteu no máis importante lugar de culto da zona na actualidade. A comarca está composta por nove municipios: A Rúa, O Barco, Rubiá, Petín, O Bolo, Carballeda, Larouco, Vilamartin e A Veiga. Case todos dispoñen de explotacións vitivinícolas que dotan ao territorio dunha singularidade única. Continuar leyendo »




