20 Dec

Río Cabe
Situación - Na comarca de Terras de Lemos, ao sur de Lugo, concellos de Bóveda, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Pantón e Sober.
Superficie - 1.576,53 ha.
Acceso - A estrada LU-546 (Lugo- Monforte de Lemos) atravesa de norte a sur este espazo.
Servizos - Aloxamento e comida nas vilas de referencia.
Outros espazos naturais relacionados / próximos: LIC “Ancares-Courel” “Canón do Sil”
A metade do espazo pertence aos ameneiros, salgueiros e freixos acompañadas doutras masas forestais autóctonas e de repoboación. Trátase dunha galería vexetal á beira do Cabe, na conca do Sil, desde as montañas do Courel ata a chaira de Monforte de Lemos. Recoñece ademais moitos dos seus tributarios como o Carabelos, o Cinsa e o Mao dentro da rede fluvial protexida.
A variabilidade climática do territorio tamén se traduce en diversidade de escenas. Por exemplo, a pouco frecuente en Galicia dun río conxelado como a do Cabe baixo a Ponte Vella de Monforte de Lemos. Pontes e muíños modestos e fermosos son o patrimonio, pero tamén os pazos señoriais, adegas entre viñedos e arte relixiosa.
View Larger Map
18 Dec

Ría de Foz-Masma
Situación - Entre A Mariña Central e Oriental de Lugo, nos concellos litorais de Foz e Barreiros e interiores de Mondoñedo e Lourenzá.
Superficie - LIC 575,17 ha das cales 343 ha son augas mariñas.
Acceso - Estradas N-642 (Ferrol-Ribadeo) e N-634 (desde Mondoñedo).
Outros espazos naturais relacionados / próximos: Monumento Natural “A praia das Catedrais”
O Masma é un digno representante dos ríos da vertente cantábrica galega. Curto percorrido (46,2 km); nacemento sobre os 900 metros de altitude e forte poder erosivo que se traduce en amplos vales como o de Mondoñedo; galería vexetal autóctona entre bosques de repoboación; e, por último, formación de Rías Altas acompañada na desembocadura de chairas intermareais rodeada de marismas. No caso da ría de Foz, pechada polas praias da Rapadoira, na marxe esquerda, e a praia do Altar, na dereita. O esteiro é un punto de parada migratoria e invernada de aves recoñecido internacionalmente.
Ao redor do río, uno dos grandes na pesca do salmón de Galicia, existen moitas rutas. Unha das máis recomendables, aínda que hai que estar en forma para vencer a subida a pé, é a da pena Cornería (437m). O tesouro está na paisaxe coas panorámicas de todo litoral mariñán. Existen outros miradoiros accesibles como o Pico da Lebre (Foz), e áreas recreativas como a da Fervenza (Viloalle) con piscinas fluviais artificiais nun afluente do Masma próximo a Mondoñedo.
View Larger Map
13 Dec

Pena Maseira
Situación - Limítrofe con Portugal e asemade coa provincia de Zamora. Concellos da Gudiña e A Mezquita (Ourense).
Superficie - 5.853,81 ha.
Acceso - Na autovía das Rías Baixas A-55 ou na nacional N-525, saída cara á Mezquita con desvío pola estrada provincial OU-311.
Servizos - Nas localidades de referencia.
Outros espazos naturais relacionados / próximos: LIC “Pena Trevinca”
Este lugar oriéntase na liña do corredor verde desexable entre o Macizo Central ourensán e o grande Parque Natural portugués de Montesinho, que abrangue toda a raia lusitana desde Zamora ata Ourense. Na parte galega comprende a serra da Esculqueira (1.149 m) e o sonoro Penedo dos Tres Reinos (1.004 m), punto de unión da tripla fronteira histórica dos reinos medievais de Portugal, Galicia e León.
Teñen merecida sona as amplas masas de castiñeiros que se forman nesta comarca de media montaña. Nos altos predomina o monte baixo que acolle poboacións estables de lobo e corzo.
View Larger Map
11 Dec

Negueira
Situación - Concello de Negueira de Muñiz, extremo oriental da provincia de Lugo limítrofe con Asturias.
Superficie - 4.511,88 ha.
Acceso - Desde a estrada da Fonsagrada – Oviedo, desvío antes do porto do Acevo.
Servizos - Aloxamento e comida: turismo rural.
Outros espazos naturais relacionados / próximos: Os Ancares, (LIC “Ancares-Courel”)
A construción do encoro de Salime nos anos sesenta do pasado século dividiu de norte a sur o concello de Negueira de Muñiz, o cal aumentou o illamento da beira dereita e provocou un forte movemento migratorio. O municipio que leva o apelido do promotor da súa independencia administrativa como concello é na actualidade o menos poboado de Galicia pois non acada os trescentos habitantes.
Unha historia recente complicada ao igual que o territorio que presenta un relevo moi accidentado e cheo de fermosos contrastes naturais. Achamos frondosas manchas vexetais dominadas polos carballos, pero alí onde o val suaviza o clima de montaña permite a existencia de especies como as sobreiras e mesmo viñedos.
View Larger Map
4 Dec

Monte Faro
Situación - Límite provincial de Pontevedra e Lugo, nos concellos de Carballedo, Chantada e Rodeiro.
Superficie - 3.002,29 ha.
Acceso - A vila de Chantada atópase na estrada N-540 (Lugo-Ourense) e desde aquí cruza a parte norte da serra a CRG 2.1 Monforte de Lemos-Lalín.
Servizos - Aloxamento e comer nas proximidades.
Outros espazos naturais relacionados / próximos: LIC “Pena Veidosa”
A ermida e área recreativa do Monte Faro (1.187m) coroa o cume desde o que se dominan amplas vistas das catro provincias galegas. Os altos desta serra son suaves, lixeiramente achairados, e pola súa situación na Dorsal Galega reciben abundantes precipitacións, con anos de nevaradas.
Nas abas as formacións boscosas autóctonas adquiren relevancia na paisaxe, tradicionalmente moldeada pola actividade agrogandeira. Consérvanse entre as terras de labor boas mostras de carballeiras, con exemplares de gran porte nalgunhas zonas.
View Larger Map
29 Nov

Miño-Neira
Situación - Augas abaixo da cidade de Lugo. Concellos de Guntin, Lugo, O Corgo e O Páramo.
Superficie - 842 ha.
Acceso - Saída cara a Sarria na autovía A-6 e logo desvíos na estrada N-VI.
Servizos - Aloxamento e comida nas localidades de referencia.
O Neira deita as súas frías augas das montañas orientais de Lugo pola marxe esquerda do Miño. Trátase dun río con gran riqueza ecolóxica que desde o lugar da Ponte de Neira ata a desembocadura no gran cauce forma parte deste espazo protexido. Ao estar integrado na Reserva da Biosfera “Terras do Miño” posúe rutas de sendeirismo e áreas recreativas fluviais.
Atópanse excelentes representacións de bosques de galería que conta ata cunha insua arborada. Tamén son salientables as paisaxes agrarias entre cuxos valores naturais figuran as sebes.
View Larger Map