24 Jan

ÉXITO NA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA EN FITUR 2012

Éxito na promoción turística de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid.

A Comunidade galega pecha a súa presenza neste certame turístico coa promoción integral do destino a través da marca do turismo, Galicia, gárdasme o segredo?, e o novo mapa dos xeodestinos.

 Fitur fixo públicas as cifras dun 2% máis de visitantes profesionais que na pasada edición. En Fitur 2011 rexistráronse 209.000 visitas á Feira, entre profesionais e público xeral.

 Ao longo dos cinco días de feira, sucedéronse os encontros profesionais e distribuíronse máis de 150.000 unidades de folletos e outro material de promoción turística de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, pechou a súa participación na Feira Internacional do Turismo de Madrid- FITUR 2012 cun éxito para a promoción turística de Galicia, logo de que ao longo dos últimos cinco días o stand institucional galego se convertese no espazo integral para a difusión dos valores, produtos e servizos turísticos galegos baixo o paraugas da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e o novo mapa de xeodestinos turísticos galego.

Fitur ven de facer público un primeiro balance de visitantes no que, segundo a organización, nos días dedicados ao sector profesional recibíronse na feira un 2% máis de visitantes que en 2011. En total, en 2011 Fitur recibira, entre público xeral e profesional, un total de 209.000 visitas, cifra que este ano se verá previsiblemente superada a falta dos datos definitivos. Tendo en conta esta estimación, polo stand galego situado no pavillón 9 da feira pasaron unha cantidade de visitantes semellante á rexistrada na pasada edición, que acadou as 70 mil persoas.

Durante estas xornadas, a Xunta de Galicia presentoulles aos operadores turísticos nacionais e internacionais e ao público xeral os novos produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Faros e praias salvaxes, A ruta da Camelia, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Santuarios máxicos, Turismo mariñeiro, Paseando entre viñedos, Patrimonio oculto e Lugares máxicos.

O desenvolvemento destes produtos encádrase na nova estratexia de promoción e comercialización do Turismo de Galicia a través da nova marca.

Xeodestinos

Ademais da marca do Turismo de Galicia, FITUR 2012 serviu para dar a coñecer o novo mapa dos xeodestinos turísticos, no que se distribúen 14 áreas que engloban turisticamente todo o territorio galego.

 Así, os xeodestinos Rías Altas (Ferrolterra-Eume e A Coruña-As Mariñas), Costa da Morte, Terras de Santiago, Mariña Lucense, Lugo e A Terra Chá, Ancares-Courel, Ribeira Sacra, O Ribeiro, Terras de Ourense e Allariz, Celanova-A Limia, Verín-Viana, Manzaneda-Trevinca, Rías Baixas (Ría de Muros e Noia, Ría de Arousa e Terras de Pontevedra e Ría de Vigo e Baixo Miño) e Deza Tabeirós puidéronse promocionar entre os operadores turísticos e o público xeral.

Material de promoción

Ademais dos contactos entre profesionais galegos e outros do resto de España e o exterior, o público xeral que acudiu á Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2012, puido acceder ao material de promoción do destino Galicia dispoñible no stand e á información achegada polos máis de 20 informadores turísticos galegos.

Deste xeito, entre onte e hoxe, distribuíronse máis de 150.000 folletos e outro material de promoción, achegados pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia e as outras entidades de promoción turística provinciais e municipais.

Actividade no stand

Ao longo destes cinco días de feira, celebráronse 17 presentacións relacionadas cos produtos e os servizos turísticos galegos dos 14 xeodestinos.

Nestas presentacións que ofreceron os distintas entidades galegas de promoción turística, participaron operadores e xornalistas de distintos ámbitos.

O stand galego tamén recibiu a visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a ministra de Fomento, o ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete; así como os presidentes das deputación provinciais da Coruña Pontevedra Diego Calvo e Rafael Louzán; e os alcaldes da Coruña, Carlos Negreira, Santiago de Compostela, Xerardo Conde, e Ferrol José Manuel Rey Varela, entre outros.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu tamén no stand aos integrantes do proxecto Discamino. Un pai e o seu fillo de 12 anos con parálise celebral percorrerán o Camiño dende Roncesvalles ata Santiago nunha silla de rodas-bicicleta Duet. Este proxecto presentouse en Fitur no Stand da Rede Española de Turismo Accesible-Red Estable e levarase a cabo entre o 25 de xuño e o 15 de xullo deste ano. O obxectivo de Javier Luque e mais do seu fillo Antonio, naturais de Córdoba, é contribuir á rehabilitación do rapaz proporcionandolle variados estímulos multisensoriais, así como facer un chamamento sobre a necesidade dun turismo accesible.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu a Javier Luque e ao seu fillo hoxe no stand de Galicia en Fitur. Alí amosáronlle a bicicleta adaptada que conseguiron para realizar o percorrido.

 

13 Jan

PROGRAMA DE PRESENTACIÓNS NO STAND INSTITUCIONAL DE GALICIA EN FITUR 2012

PROGRAMA PRESENTACIONES FITUR 2012

Sala de Actos del Stand de Galicia (Pabellón 9-parcelas 9C07/9C09)

 MÉRCORES, 18 DE XANEIRO

13.30 h.- A CORUÑA. EVENTOS E NOVOS PRODUTOS TURÍSTICOS

Organiza: Turismo da Coruña.

16.00 h.-  PRESENTACIÓN DA GUÍA “…E PARA COMER, LUGO”

Organiza: Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo.

17.00 h.- SISTEMA DE GEOREFERENCIACIÓN E REALIDADE AUMENTADA NO SALNÉS

Organiza: Mancomunidade de Municipios de O Salnés.

17.30 h.- O MORRAZO EN IMAXES

Organiza: A MAIS: Asociación de Aloxementos e Restauración do Morrazo.

18.00 h.- FESTIVAL CELTA DE ORTIGUEIRA

Organiza: Concello de Ortigueira.

XOVES, 19 DE XANEIRO

11.30 h.- MANCOMUNIDADE TERRA CHÁ, TERRA DE POETAS E DIOSES.

Organiza: Mancomunidade Terra Chá.

12.00 h.- NOVA GUÍA MICE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Organiza: Turismo de Santiago.

12.30 h.- XANTAR 2012

Organiza: Expourense.

13.00 h.- OURENSE, FERRAMENTAS DE PROMOCIÓN 2012

Organiza: Inorde (Diputación de Ourense).

16.00 h. AROUSA NORTE. ACCESIBILIDADE TURÍSTICA

Organiza: Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.

17.00 h.  50º ANIVERSARIO FESTA DO PULPO

Organiza: Concello do Carballiño.

17.30 h.- MUXÍA E CALATAYUD: GASTRONOMÍA, TRADICIÓN E CULTURA.

Organiza: Asociación de Turismo Rural de Muxía.

18.00 h.- TURISMO FISTERRA: DESTINO FIN DO MUNDO.

Organiza: Asociación Turismo Fisterra.

VENRES, 20 DE XANEIRO

11 h.- TURISMO RÍAS BAIXAS, UN DESTINO COMPETITIVO E DE CALIDADE.

Organiza: Turismo Rías Baixas (Deputación de Pontevedra).

16.30 h.- NATURALMENTE AS PONTES

Organiza: Concello das Pontes.

17.00 h.- PDPT ÁREA METROPOLITANA DA CORUÑA: CONSOLIDANDO UN ESPAZO       TURÍSTICO METROPOLITANO.

Organiza: PDPT Área Metropolitana da Coruña.

18.00 h.- NOVAS INICIATIVAS TURÍSTICAS DO CONCELLO DE FERROL

Organiza: Concello de Ferrol/Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.

 

10 Jan

Turismo inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos

No mes de xaneiro Turgalicia participará nas feiras especializadas en cámping Vakantiebeurs, de Utrecht (Holanda), e CMT, de Stuttgart (Alemaña)

Tamén asistirá ao certame Thermalies, en París (Francia), dedicado ao turismo termal

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos, coa participación en tres feiras especializadas que se celebran en Holanda, Alemaña e Francia.

Así, entre os días 10 e 15 de xaneiro, o campismo galego promocionarase na feira Vakantiebeurs, en Utrecht (Holanda). Trátase do certame turístico máis importante dos Países Baixos, dedicada aos profesionais do sector e ao público xeral. Nel, este ano, Turgalicia estará presente con dous módulos dentro do expositor de España, coordinado pola Oficina de Turismo de España en La Haya.

Por outra parte, tamén no ámbito do campismo, Turgalicia asistirá entre os días 14 e 22 de xaneiro ao certame turístico CMT 2012, que se celebrará en Stuttgart, Alemaña.

Nesta edición, Turgalicia contará con dous módulos promocionais dentro do stand de España, baixo a coordinación da Oficina de Turismo de España en Múnich.

Ademais, Turgalicia promocionará o turismo de saúde na 30ª edición do certame Thermalies, que se celebra en París Francia.

Trátase dun certame turístico profesionalizado en canto a expositores, pero a gran maioría dos visitantes son consumidores finais que buscan ofertas concretas, preferindo paquetes pechados que inclúan transportes, aloxamento e tratamentos, cun alto interese pola talasoterapia.

Nesta edición, Turgalicia participará cun stand de deseño de 48 metros cadrados que presentará a oferta do Turismo termal galego. No espazo galego estará representada a Asociación de Balnearios de Galicia para xestionar reservas de xeito directo.

FITUR 2012
Ao longo do mes de xaneiro, o Turismo galego tamén se promocionará na 32ª edición da Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, como punto de encontro global para o sector turístico e como o máis importante escaparate turístico nacional.

Deste xeito, entre os días 18 e 22 de xaneiro, Turgalicia disporá dunha superficie de 1.293 metros cadrados para promocionar o Turismo galego. A promoción basearase na marca turística galega, os dez produtos turístico cabeceira de marca e o mapa de Xeodestinos turísticos.

 Os recursos naturais, a mellor promoción turística

Dun tempo a esta parte o turismo termal tense convertido nunha das especialidades con maior demanda no sector; e Galicia, neste campo, ten unha ampla oferta de destinos onde a calidade da súas augas é o mellor certificado de garantía. Por iso ten convertido o termalismo nun dos paires fundamentais na súa oferta turística, consciente da relevancia que hoxe en día ten adquirido o chamado turismo de saúde.

Galicia ten na natureza a súa maior riqueza e, á súa vez, o mellor reclamo, para se converter nun dos destinos turísticos máis atractivos de toda España. De igual xeito que os seus amplos recursos termais que lle conceden unha posición privilexiada en termos de demanda, tamén os seus espazos naturais, tanto na costa coma no interior, a converten nun dos lugares máis admirados polos turistas que optan polo campismo.

 

 

Linguaxe

Búsqueda

Suscripción RSS

Suscribete vía RSS y recibe un correo con todos los posts del día.

© 2011 turgalicia | todos los derechos reservados