13 Feb

O TURISMO DE GALICIA PROMOCIÓNASE EN ITALIA A TAVÉS DA BOLSA DE TURISMO DE MILÁN

Os italianos supuxeron o 9,3 por cento dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega o ano pasado.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, está a presentar a oferta turística de Galicia, para o mercado italiano desde o pasado día 6 e ata o día 19 de febreiro na feira Bolsa Internacional do Turismo de Milán (BIT).

Turgalicia promociona neste evento a oferta turística xeral- baixo a Marca ‘Galicia, sai mantenere un segreto?- e o Camiño de Santiago, nun certame de carácter global aberto aos profesionais e ao público xeral do norte de Italia.

Trátase da feira turística máis importante de Italia que se celebra desde hai máis de 20 anos, e na que Galicia esperta un grande interese, sobre todo no eido do Turismo de Natureza, a gastronomía, o Turismo de costa e o Camiño de Santiago.

A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico italiano, un dos máis importantes para a Comunidade galega, xa que o 9,3 por cento dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado foron italianos.

Así, os italianos situáronse no cuarto lugar despois dos portugueses, alemáns e franceses en canto a ocupación hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

Por outra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas italianos, con 38.451 viaxeiros, supuxeron o 11,9 por cento no tráfico aéreo de Galicia en 2011.

30 Jan

TURGALICIA PRESENTA A OFERTAR TURÍSTICA DE GALICIA NO SALON DES VACANCES DE BRUXELAS

A Comunidade galega pechou a súa participación na feira de termalismo Thermalies con numerosos contactos entre operadores turísticos e público final

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará a oferta turística de Galicia entre os días 3 e 7 de febreiro na feira Salón des vacances de Bruxelas. Trátase do certame turístico máis importante de Bélxica e conta con máis de 50 anos de historia.

Turgalicia participará nesta feira con dous mostradores dentro do stand xeral de Turespaña, a través dos que difundirá a oferta turística global de Galicia na capital belga.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia promocionará neste certame turístico a oferta xeral da Comunidade galega, facendo especial fincapé na marca Galicia, gárdasme o segredo? e os novos produtos turísticos creados baixo o paraugas desta.

Thermalies 2012
Por outra parte, a Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, pechou a súa participación no certame de promoción do Turismo termal Thermalies, que se desenvolveu a pasada semana en París, con numerosos contactos entre operadores turísticos franceses e público xeral.

Xunto a máis de 300 expositores especializados en termalismo, talasoterapia e spas, Turgalicia presentou nun stand propio as múltiples posibilidades turísticas de Galicia no eido termal.

Da man da entidade pública de promoción do Turismo galego, acudiu a Asociación de Balnearios de Galicia, que desprazou un equipo comercial para intensificar o labor de promoción dos balnearios galegos.

Ademais, houbo representación comercial dos hoteis con oferta de talasoterapia que prepararon ofertas especiais para promover a venda directa aproveitando a presenza de público interesado por Galicia.

10 Jan

Turismo inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos

No mes de xaneiro Turgalicia participará nas feiras especializadas en cámping Vakantiebeurs, de Utrecht (Holanda), e CMT, de Stuttgart (Alemaña)

Tamén asistirá ao certame Thermalies, en París (Francia), dedicado ao turismo termal

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos, coa participación en tres feiras especializadas que se celebran en Holanda, Alemaña e Francia.

Así, entre os días 10 e 15 de xaneiro, o campismo galego promocionarase na feira Vakantiebeurs, en Utrecht (Holanda). Trátase do certame turístico máis importante dos Países Baixos, dedicada aos profesionais do sector e ao público xeral. Nel, este ano, Turgalicia estará presente con dous módulos dentro do expositor de España, coordinado pola Oficina de Turismo de España en La Haya.

Por outra parte, tamén no ámbito do campismo, Turgalicia asistirá entre os días 14 e 22 de xaneiro ao certame turístico CMT 2012, que se celebrará en Stuttgart, Alemaña.

Nesta edición, Turgalicia contará con dous módulos promocionais dentro do stand de España, baixo a coordinación da Oficina de Turismo de España en Múnich.

Ademais, Turgalicia promocionará o turismo de saúde na 30ª edición do certame Thermalies, que se celebra en París Francia.

Trátase dun certame turístico profesionalizado en canto a expositores, pero a gran maioría dos visitantes son consumidores finais que buscan ofertas concretas, preferindo paquetes pechados que inclúan transportes, aloxamento e tratamentos, cun alto interese pola talasoterapia.

Nesta edición, Turgalicia participará cun stand de deseño de 48 metros cadrados que presentará a oferta do Turismo termal galego. No espazo galego estará representada a Asociación de Balnearios de Galicia para xestionar reservas de xeito directo.

FITUR 2012
Ao longo do mes de xaneiro, o Turismo galego tamén se promocionará na 32ª edición da Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, como punto de encontro global para o sector turístico e como o máis importante escaparate turístico nacional.

Deste xeito, entre os días 18 e 22 de xaneiro, Turgalicia disporá dunha superficie de 1.293 metros cadrados para promocionar o Turismo galego. A promoción basearase na marca turística galega, os dez produtos turístico cabeceira de marca e o mapa de Xeodestinos turísticos.

 Os recursos naturais, a mellor promoción turística

Dun tempo a esta parte o turismo termal tense convertido nunha das especialidades con maior demanda no sector; e Galicia, neste campo, ten unha ampla oferta de destinos onde a calidade da súas augas é o mellor certificado de garantía. Por iso ten convertido o termalismo nun dos paires fundamentais na súa oferta turística, consciente da relevancia que hoxe en día ten adquirido o chamado turismo de saúde.

Galicia ten na natureza a súa maior riqueza e, á súa vez, o mellor reclamo, para se converter nun dos destinos turísticos máis atractivos de toda España. De igual xeito que os seus amplos recursos termais que lle conceden unha posición privilexiada en termos de demanda, tamén os seus espazos naturais, tanto na costa coma no interior, a converten nun dos lugares máis admirados polos turistas que optan polo campismo.

 

 

Linguaxe

Búsqueda

Suscripción RSS

Suscribete vía RSS y recibe un correo con todos los posts del día.

© 2011 turgalicia | todos los derechos reservados