15 May

Festa do Carneiro ao Espeto Moraña (Pontevedra)
Vellas cancións refírense a Moraña como terra de canteiros e de arrieiros que andaban o camiño da montaña ao mar. Espazos polos que aínda corren en liberdade os cabalos salvaxes que terán a súa rapa das bestas. Riqueza natural aproveitada polos seres humanos desde a prehistoria, segundo se pode comprobar nos restos encontrados e con gran riqueza agrícola e gandeira.
Municipio no que, cada oito de setembro, se venera a Virxe aparecida nunha fonte, en Amil. Esa historia de vila nacida do camiño fai que o último domingo de xullo celebre unha das súas mellores tradicións culinarias, agrarias, rurais, tamén melloradas co traído e levado a eses asentamentos de Hispanoamérica, tan leais a estas tradicións do churrasco e da grella: a Festa do Carneiro ao Espeto segue, amplía e mellora unhas tradicións solidarias que veñen de moi atrás e pasan polo medievo na forma de preparalo. Esencial ao banquete solidario é o viño Salnés, o bo “espadeiro” das ribeiras do Umia, cantado por poetas e que tempera a conversa e o manxar.
View Larger Map
3 May

Gran Premio de Carrilanas Esteiro, Muros (A Coruña)
A terceira fin de semana de xullo celébrase aquí, mirando as paisaxes mariñeiras de Galicia máis auténticas onde o mar se xunta coa pedregosa serra e co abrazo de suaves praias, o simpático encontro de carrilanas e que serve para poñer a proba a imaxinación, o enxeño e a ironía popular galega, para participar co seu “vehículo sen motor” no popular desfile. Todo o que complementa co esencial as festas de Galicia, e que cada ano consolida esta reunión como unha mostra de ledicia e simpatía populares. Esta celebración, xa arraigada e con gran poder de convocatoria, atrae a todos os que estean dispostos a un divertimento cheo de imaxinación.
View Larger Map
19 Apr

Festa da Troita, Ponte Caldelas (Pontevedra)
A “moi leal” vila de augas, de fontes termais, balneario nas beiras de Oitavén e Verdugo, ríos que crean pintorescas praias fluviais. Núcleo xa no século XII asentado na terra de pasaxe, nos vellos camiños de arrieiro que, desde o mar de Vigo, conducían ás terras de Montes e ao Suido. Berce de emigrantes por toda América, especialmente no Brasil, o que se denota nas fermosas “casas de indiano”.
Continuar leyendo »
3 Apr

Festa da Troita, A Pontenova (Lugo)
Bosques propicios para o mago Merlín, terras gandeiras e madeireiras, logo de pasar Meira, na estrada de Lugo a Vegadeo e no límite con Asturias. Co testemuño dos fornos de limonita, a liña do vello ferrocarril e do efémero rexurdir industrial que hoxe é arqueoloxía para coñecer un tempo. Encrucillada de importantes feiras e percorrida por regatos que van ao Eo, tan favorables para a pesca. O día un de maio celébrase aquí a Festa da Troita, obrigado encontro gastronómico que se relaciona coa feira e coa exposición dos mellores produtos artesanais da zona.
View Larger Map
22 Mar

Festa da Ostra
Arcade. Soutomaior (Pontevedra)
Arcade despide o río Oitavén que se une co Verdugo no Salto do Inferno, para pasar por baixo da histórica Ponte Sampaio, escenario dos heroes do “canón de pau” nas loitas da independencia. Augas que van creando a célebre badía de San Simón, con aquela illa de amores de amigo, cantada no século XIII. Mar de Vigo co estreito de Rande dos galeóns e dos tesouros do século XVIII, que incomodaban o capitán Nemo, creado pola imaxinación do bretón Xulio Verne.
Aquí é onde se crían as anacaradas e saborosas ostras, as que Arcade de Soutomaior celebra na primeira fin de semana de abril. Produtos das augas dun mar de poesía e historias que aquí, neste tempo e sen máis axuda có limón, teñen un sabor único. Dificilmente pasará un ano sen volver degustar estes sabores e saberes de Arcade e dos seus tan vellos camiños, vixiados tanto pola ermida da Peneda como polo castelo do temible señor do século XV, Pedro Madruga de Soutomaior.
View Larger Map
23 Feb

Festa do Queixo, Arzúa (A Coruña)
Obrigada parada e fonda no Camiño Francés, pouco antes de chegar a ese centro de peregrinación, no que converxen os camiños, que é Compostela. Entre os ríos Tambre e Ulla, vales apropiados para a gandería, con mestas carballeiras, onde sempre encontraremos pazos e casais que inspiraron a Valle Inclán.
Terra de boas feiras nas que, entre outras moitas cousas, se ofrece mel e os celebrados queixos, que terán o seu día de festa o primeiro domingo de marzo. Feira e festa ás que concorre todo canto ten que ver coa tradición gastronómica, nunha época especial de primavera, na que se homenaxea e se ofrecen as múltiples variedades dos ricos e manteigosos queixos desta terra.
Continuar leyendo »