03 ago 2013

Turgalicia promociona os recursos turísticos e culturais de Galicia na 43 edición do Festival Intercéltico de Lorient

Dende a pasada  fin de semana ata o 11 de agosto, Turismo de Galicia instalará un espazo de 200 metros cadrados no que actuarán grupos galegos de música folk e se promocionará a gastronomía de Galicia e outros recursos turísticos da Comunidade autónoma.

O pasado ano, o recinto galego instalado neste evento foi visitado por más de 26.000 persoas.
 

Recinto de promoción de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient 2013.

Turismo de Galicia, a través de Turgalicia  promocionará os valores turísticos e culturais da Comunidade autónoma galega na 43 edición do Festival Intercéltico de Lorient, que se celebrara na Bretaña francesa dende hoxe ata vindeiro día 11 de agosto.

Neste evento, Turismo de Galicia instalará un pavillón de 200 metros cadrados de superficie no que se promocionarán os recursos e os produtos turísticos e culturais máis salientables da Comunidade galega, potenciando Galicia como un destino turístico diferente, con personalidade propia, aos milleiros de persoas que cada ano visitan este evento, especialmente procedentes dos países celtas de Francia, Gran Bretaña e España.

Neste sentido, o pavillón que instalou Turismo de Galicia na edición do ano 2012 foi visitado por máis de 26.000 persoas.

Este ano, o espazo galego contará con diferentes áreas dedicadas á promoción da oferta turística xeral de Galicia, o Camiño de Santiago e a enogastronomnía.

Escenario musical

Por outra parte, o pavillón galego servirá de escenario musical para a promoción da música folk galega a través deste evento. Así, entre os días 2 e 11 de agosto, actuarán os músicos Ismael García e Xesús Rodríguez, gaita e percusión, respectivamente, que participarán no concurso do Trofeo MacCrimmon, organizado polo Festival, e amenizarán estas xornadas de difusión turística e cultura de Galicia.

Ademais, ata o día 6 de agosto acturarán no stand de Galicia os grupos Trimuiños, Trécolas e Tromentelos e entre os días 7 e 11, o grupo Os D`abaixo.

A presenza de Galicia neste evento cultural está a ser moi positiva ao longo dos últimos anos, xa que a afluencia de público que se rexistra cada ano no recinto galego se ve incrementada ano tras ano, cun público moi interesado polos recursos turísticos da Comunidade autónoma e polo Camiño de Santiago.


Arriba
Axúdanos a mellorar!